Muíño de Ricovanca
Na Xirazga (Beariz) encontramos o muíño e a ponte de Ricovanca, sobre o río Verdugo. O muíño está situado na marxe esquerda do antigo camiño que utilizaban os arrieiros que viaxaban entre Ourense e Santiago. Trátase dun muíño de cubo, construído en cachotaría e co tellado de lousas de pedra. No interior consérvanse bastantes elementos, todos recentemente restaurados. Son salientables as impresionantes trabes de madeira que sosteñen as lousas de granito que forman o tellado. A ponte próxima ao muíño, que conserva a calzada orixinal, está construída con pedras moi irregulares e non ten arcos, xa que as lousas enlazan cos piares construídos con grande bloques de pedra. Aínda que está sinalizada como medieval, o máis probable é que fose reconstruída no século XVIII. Por enriba dela, unha pequena presa desvía parte das augas do río pola canle de entrada ao muíño. Sobre esta canle, unhas curiosas lousas de pedra eran utilizadas antigamente para lavar.