Muíños de Vesacarballa
O regato de Vesacarballa é afluente do río Quireza, polo que finalmente as súas augas acaban chegando ao Lérez. Na aldea de Sabucedo (concello da Estrada), á beira do barranco do Vesacarballa discorre un roteiro que nos permitirá ver un valioso conxunto etnográfico formado por cinco muíños, entre os que destaca o chamado Serradoiro do Mestre: unha instalación preindustrial única en Galicia con muíño e serradoiro hidráulico ao que se engadía un forno para facer pan. Os muíños empregaban a forza da auga dos numerosísimos ríos que sucan o noso país para moer o gran dos cereais e obter fariña. Foron pezas moi importantes na economía e no desenvolvemento da vida nas aldeas, así como do seu folclore e das súas lendas. Hoxe, moitos deles cubertos por hedras e silvas, fálannos dun pasado que se foi.