Foi un feito fundamental positivo na historia de Galiza que supuxo a cimentación dun proxecto práctico de normalización do noso idioma que serviría de base para a lexislación e actuacións que nesta materia se precisaban implementar con este obxectivo.
A perda do poder por parte do PP levou a esta organización a afastarse do devandito consenso e empregar no seu beneficio electoral este asunto apoiándose nos séculos de prexuízos e autoodio polo galego que precisamente tentaban superarse coas medidas que se querían levar a cabo. Unha vez recuperado o poder esta forza política lexislou en todos os ámbitos co obxectivo de excluír, prohibir e mesmo perseguir a lingua galega retrotraéndonos a un escenario predemocrático, moi semellante aos últimos anos do franquismo.
Nestas circunstancias a sociedade galega reaccionou a través dun movemento cívico como foi “Queremos Galego!” que tamén nos lembrou a resposta que en contextos semellantes de intento de exterminio da nosa lingua se levaron a cabo en todo o país. Mais especialmente queremos lembrar aqueles que tiveron lugar na Estrada.
A Estrada foi protagonista e vangarda nesta resistencia a estes intentos de aniquilación do galego con actos como foron as letras galegas do ano 70 nas que un alcalde de sensibilidade galeguista, Mario Blanco, xunto con persoeiros relevantes das nosas letras (Otero Pedrayo, Bouza Brey, etc...) renderon homenaxe ao noso idioma proscrito polo réxime a través da persoa de Marcial Valladares a quen dedicaron as letras galegas.
10 anos despois, con motivo do expedinte a un mestre que daba aulas en galego no Colexio do Foxo, Alfonso Castro, outra vez A Estrada é escenario dunha resposta masiva de solidariedade con este docente e de denuncia da exclusión do noso idioma do ensino.
O vindeiro venres 7 de novembro, ás 20:30 h. Na sala de exposicións de Abanca na Estrada a Asociación Cultural “Vagalumes” imos celebrar un acto para rememorar estes feitos nos que achegaremos documentación inédita e proxeccións documentais que nos sirva para dar testemuño dun pobo orgulloso do seu e rebelde contra os que queren impoñerlle un destino de subordinación e desmemoria. Intervirá neste acto os profesores David Otero e Cibrán Arxibai da Asociación Cultural “Vagalumes” e o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística Marcos Maceira.