Capitán Gosende descobre unha pedrafita entre os lugares de Framia e A Correa
Calros Solla
No mes de marzo demos novas do achado do petróglifo de Ricovanca I e do petróglifo de Ricovanca II. No mes de abril batemos co petróglifo da Correa. O mes de maio foi especialmente frutuoso, pois engadimos ao inventario arqueolóxico de Beariz e da comarca de Montes o petróglifo do Recosto (ou de Framia) e os petróglifos da regata de Arriba e mais os petróglifos I, II e III do Outeiro da Carqueixa (A Alén).
Porén, non foron os oito gravados rupestres atopados en Xirazga o que máis nos satisfixo e satisfai, pois coñecer o señor Aurelio Ramos Ogando, veciño do lugar da Alén, estanos deparando momentos deliciosos.
O 16 de xuño vadiamos sen présa polo rueiro de Framia. O fondo do lugar, amenizado polo regueiro de Donsueiro, agocha un tesouro arquitectónico formidábel. En apenas 4.000 m2 apiñócanse unha trintena de casas coas súas dependencias adxectivas, as súas cortiñas, solainas, fornos, fachinelos, patíns, viracarros e tornarrodas..., fontes, lavadoiros e unha ducia de hórreos. A eira enlousada de Framia está formada por sete canastros. Sobria arquitectura popular armada en cachote metamórfico.
Doenza malina a do despoboamento. Aquel quinteiro ten saudades da xente e, vítima do abandono, esmorece silandeiro ao ritmo da metódica couza e da silveira rampante. Os lares despoboados, suxeitos a un proceso de inexorábel deterioración, contrastan cos flamantes automóbiles de alta gama, estacionados aquí e acolá. A laboriosidade e o enxeño dos galegos renden na outra ourela do océano. Flor no deserto, a casa do Bufo reverdece vellos loureiros, resiste e loce a súa restaurada dignidade entre as ruínas. Sáenos ao encontro Vítor Xil, o seu dono, que gaba o noso labor e nos acompaña un anaco de tarde. Boa xente.
O casarío de Framia cativounos. As enxeñosas solucións construtivas foron albo reiterado das cámaras de fotos. J. Soto púxose as botas. Do visto, chamáronnos a atención dous fornelos embutidos na cachotaría interior de senllas vivendas. Non gardan santo ningún, mais, abofé, fixérono. Xorde a pregunta: custodiaranse nestora as imaxes na igrexa parroquial ou, canda os seus devotos, tamén foron vítimas do éxodo rural?
Tras o paseo por Framia, puntuais acudimos á cita co señor Aurelio, o noso falangueiro informante. O home vén da misa, saúdanos e axiña nos ofrece viño, coñac, embutidos, conservas...; todo franca hospitalidade. O señor Aurelio leva días queréndonos ensinar unha outra “antigüidade” da aldea. El denomínaa a “pedra da parroquia” ou “pedra parroquial”. Condúcenos até o medio dunha ampla campaza, coñecida de antigo polas veigas de Xan Xil. Moito nos presta a conversa do señor Aurelio. O noso guieiro é lector empedernido de libros substanciosos: as virtudes das plantas, o mosteiro de Aciveiro, a historia da capela de San Domingos, os tesouros do Ciprianillo, lendas de mouros... Dinos que nun documento antigo do cenobio de Acibeiro, o lugar da Abeleira aparece escrito A Abelleira. A dúbida é razoábel.
Conventiño de Aciveiro
convento de motios frades,
as mozas de Andón din:
convento nunca te acabes.
No convento de Aciveiro
hai un frade galiñeiro
que todas as tardes chama:
vinde churras ao poleiro!
As veigas de Xan Xil, antigo posesor, apenas manteñen no sitio os chantos e mollóns que, no pasar dos séculos e das partillas, as fraccionaron até a centiárea. Aquel terreo chan, extenso e verdecente, localízase entre os lugares de Framia e A Correa. Un camiño cruza as veigas de norte a sur (ou viceversa). A senda, hogano encampecida, traza o linde entre a planicie e o costaneiro que desce até o regueiro de Donsueiro. O camiño (antano mallado) semella morrer ao pé dun valado flanqueado por carballotes. O seu trazado sobrancea na chá, froito do arrastre de materiais (terra, rebos...) da labra cadaneira. Naquel punto medial, baixo a matogueira, agochábase a “pedra da parroquia”.
Coa axuda dos pés, apachocamos o silveiral e conseguimos poñer o marco á vista. O señor Aurelio aclara: “A pedra é moito máis alta, botáronlle moita terra ao redor”. Intuímos que o que se ergue ante os nosos ollos só e a “punta do iceberg”.
Decidimos rebautizar o achado. Parroquias hai moitas, Xan Xil de Xirazga houbo un. Daquela, consensuada a proposta co noso acompañante, pasamos a denominar aquel marco: “a pedra de Xan Xil” (coordenadas.- X: 555.429; Y: 4.703.271; alt. 659 m).
Probabelmente, a pedra da parroquia ou de Xan Xil é un antigo menhir, reutilizado en tempo histórico como fito demarcativo. Malia asomar medio metro do chan, adivíñase que a pedrafita é un chantón metamórfico con forma de lapa de candea. As súas dimensións visíbeis son as seguintes: 55 cm de alto (o señor Aurelio aínda a lembra agromar uns 80 cm), 70 cm de longo e 50 cm de largo. A súa face norte mira cara a Framia e a sur, cara á Correa. A pedra de Xan Xil dista uns 150 m do casar de Framia (sito ao noroeste) e uns 300 m do lugar da Correa (sito ao sueste). De coto a coto e de leste a oeste, coa pedra de Xan Xil como punto intermedio, o outeiro da Verruga e o marco da Porteira fixan as estremas. Así mesmo, a pedrafita afástase uns 100 m do leito do Donsueiro e uns 150 m da estrada que atravesa a parroquia.
A tarde aínda deu para máis “antigüidades”: as sentinelas que velaban xacando dende o alto de Auga Empuzada e Súa Vela, a Moura tendeira, a ferradura de Entreprados, o derradeiro defunto de Doade que se enterrou en Beariz, a neveira de Pardesoa, o bolo da tirafonda atopado nunha das mámoas arrasadas en San Domingos, os contos da tía Caniza, As Pedrosas: dormentes dunha antiga e desaparecida igrexa... Pregámoslles paciencia aos lectores, paseniño iremos dando conta destoutros asuntos. Antes de nos despedir, o señor Aurelio ofreceunos unha explicación plausíbel para os fornelos baleiros de Framia. Escoitémola:
“Aquí houbo un cura que tivo sete fillos, e os sete fillos criáronse alá naquel monte, na Casavella; catro paredes, xa sen tellado. A Casavella pertence ao lugar da Cavada; o lugar da feira é Cavada, hoxe pertence a Doade. Mandáronos a criar alí. Eles cantaban: Anque somos de alá arriba, de ao pé do Carrasco Branco, sabemos beber o viño, tanto o tinto coma o branco, e botábanlle un aturuxo. Alí en Framia, o cura fíxolle unha casa a cada fillo; todas as sete casas teñen a lousa da mesma cor”. O cura foi pai de sete fillos como a Chousa de Pedro Bras se cerrou en tres días e tres cans a gardaban.
Lemos na web Galicia Encantada o mito fundacional da Correa recollido por Poldo Cañizo Durán da boca de tres Marías:
A Correa pertence á parroquia de Xirazga, concello de Beariz (Ourense) e esta é a explicación da orixe do topónimo.
A narradora sinala co seu dedo engurrado, a pel fina coma papel: era alá onde aparecía o medo.
Estamos na Veiga do Piñeiro, no lugar da Correa, e María indica cara aos campos das Correas, onde está o paso do Portacabalo.
−Aparecía en forma de cabalo, e asustaba á xente polas noites. Viñeron os frades de Aciveiro, concello de Forcarei (Pontevedra) a esconxuralo.
A parroquia de Xirazga, Xirarga ou Xirasga, cae no fondo da Terra de Montes, e remata na Portela da Cruz, a onde chega xa o aire do mar (Todos somos de Pontevedra/ Todos somos de por alá/ Todos somos afiadores/ Todos sabemos afiar), pero as pegadas dos monxes de Aciveiro aínda chegaron aquí: na festa do patrón tiñan dereito a comida para un frade, un axudante e unha mula, que son tres, se non conto mal.
−Pero para esconxuralo pediron que lles tiñan que pagar unha renda.
−E canto?
−O que ocupase a pel dun becerro.
Non parecía moito, e o medo foi esconxurado, e del non se soubo máis, pero resulta que no momento de cobraren a renda, os frades colleron e puxeron a pel en correas e foron rodeando unha grande extensión de terra, que é a dos Campos das Correas, que ao noso lugar lle dan nome.
A Legua do Frade, mito fundacional da Barcia do Seixo; A Chousa de Pedro Bras, mito fundacional de Pardesoa; os Campos das Correas, mito fundacional do lugar da Correa... En Terra de Montes, non hai palmo de terra que non se aveña ao criterio de prodixiosos agrimensores.