A federación GALIZA CULTURA, a través das Asociacións Vagalumes da Estrada e O Galo de Santiago de Compostela, vén celebrando este acto de irmandade entre natureza e cultura desde que no 2011 se conmemorou o 125 aniversario de Castelao. Esta conmemoración que non obtivo o debido recoñecemento da Xunta de Galiza e o desleixo oficial que se constataba ao respecto da nosa cultura e patrimonio levaron as asociacións que compoñemos GZCultura a avaliar a necesidade que desde as entidades populares e de base se exerza as funcións de posta en valor e divulgación da nosa cultura e para iso acordamos celebrar este evento lúdico e reivindicativo todos os anos.
O acto consiste na lectura pública do Alba de Gloria desde o cumio do Pico Sacro, espazo simbólico no que a terra se fai espírito e penedo granítico que o noso pobo recubriu de significados.
Nel rememoramos á xeración do Seminario de Estudos Galegos que reparou, visitou e estudou, este lugar emblemático, amosando unha actitude de interese e respecto polo propio que contrasta cos valores que agora se están a transmitir de fascinación provinciana polo alleo.
Seguimos a estela de Castelao quen acudiu en peregrinación até o Pico Sacro no 1925, cando unha ditadura impedía celebrar a festa nacional, e volveu imaxinariamente sobre el, desde o exilio, ao construír unha das súas pezas ensaísticas e literarias máis profunda, o “Alba de gloria”, discurso de celebración do día da Patria Galega. Para Castelao era un lugar no que a resistencia do terreo a ser estepa, inspiraba a quen acreditaba en que o noso ser diferencial non ía ser borrado pola enxurrada reaccionaria. Por iso lle rendemos homenaxe as asociacións culturais galegas e voltamos sobre os seus pasos físicos e intelectuais e homenaxemos a este creador comprometido co seu pobo. Retomar unha tradición que apesares das circunstancias adversas porfía en alumear un futuro mellor, unha Alba De Gloria para Galiza.
Neste ano 2016 volvemos a dar lectura ao Alba de Gloria no Pico Sacro. Desta volta contando coa presenza do poeta Miro Villar, quen ademais dun poeta consagrado das nosas letras é un estudoso da presenza do Pico Sacro na nosa literatura.
PROGRAMA
Pódese asistir a todas ou só a algunha/s das actividades
12.00h. Benvida na chaira da capela do Pico Sacro a cargo do escritor Miro Villar e a continuación subida do último treito deste monte.
13:00h.: Izado da bandeira polas Asoc. Cult. Vagalumes de A Estrada e O Galo de Santiago. De seguido lectura de Alba Gloria de Castelao por parte de representantes das A.C. O Galo, Vagalumes, Papaventos, S. Campio e Raiceiros de Vedra. Canto do himno Galego e baixada.
14:00h.: No adro da capela do Pico Sagro actuarán os cantautores Mini e Mero, o gaiteiro Raúl Galego e músicos da comarca da Ulla.
15:00h.: Xantar en “Casa Mosqueiro”, S. Mamede de Rivadulla
ROTEIRO GUIADO
por Iolanda Aldrei da asoc. A Granxa do Pico Sacro:
* 16:45h.: Saída de “Casa Mosqueiro” para a capela de Santiaguiño. Nela falarase do Camiño de Santiago da Ruta da Prata .
* Igrexa de S. Pedro de Vilanova. Ademais do aspecto artístico, tratarase do poder da igrexa e da pequena nobreza rural.
* Area do Muíños . Incidirase na vella economía agraria e na cultura popular
* Mirador de Gundian. Veremos as tres pontes e o súa integración ou impacto na paisaxe
* Igrexa de Vedra e palco da música. Tamén se explicará a labor de López Ferreiro que foi o seu párroco antes de ser cóengo na catedral compostelán
* Remataremos nun Furancho situado pertísimo da área recreativa de Ximonde. Poremos tomar viño da Ulla, que actualmente goza de merecido nome e boa relación calidade/prezo.