De ideoloxía monárquica, Campos Varela foi concelleiro con Primo de Rivera, recibiu a medalla da Orde da República á fronte da alcaldía viguesa e tras o golpe de Estado do 36, militou en Falange
Calros Solla
No ano 1918, con vinte e sete anos, Ánxel remata a carreira de dereito, optando pola especialidade de dereito penal. O xornal pontevedrés Progreso (1-10-1918) faille un oco á nova: En Santiago acaba de licenciarse en Derecho nuestro querido amigo don Ángel Campos Varela, aplicadísimo joven de Cerdedo que goza de relevantes simpatías en aquel pueblo.
Reciban él y su distinguida familia, entre la cual se halla el ilustrado médico don José María Campos Varela, nuestra más cordial felicitación, deseando al nuevo abogado toda suerte de triunfos en su brillante carrera.
En decembro de 1919, atopámolo en Forcarei compartindo mitin agrarista co alcalde de Cerdedo, o médico Xosé Fentanes Barros, co secretario da Sociedade de Agricultores de Forcarei Xosé Campos Valiñas (en 1922, o caciquismo atentará contra a súa vida) e co combativo José Carbonell Alsina, azoute de caciques e redactor do xornal Progreso. Carbonell (J. Cea) asina a crónica publicada na edición do día 30. Naquel Cerdedo anticaciquil, o movemento agrarista conxugaba (con dificultade) a ardencia do proletariado campesiño co conservadurismo da burguesía rural. O médico Xosé María Campos Varela, líder agrario, que o Primeiro de Maio de 1918 apelaba a Castelao nun mitin na carballeira de Cernados (Progreso, 3-5-1918), acabaría doando en outubro de 1936 “100 pesetas, y cada mes entregará 50” ao exército franquista (Diario de Pontevedra, 22-10-1936).
Na edición do 7 de marzo de 1922 de El Diario de Pontevedra, lemos que: El Tribunal Supremo, en virtud de recurso entablado, nombró juez municipal de Cerdedo al abogado D. Ángel Campos Varela. En Cerdedo, ao longo do século XX, a xustiza municipal sempre estará nas mans da dereita, agás na II República, cando recaeu na persoa de Francisco Varela Garrido (IR), fusilado no verán de 1937. Campos Varela desenvolveu o seu labor de xuíz cadrando na alcaldía cerdedesa o riestrista Serafín Sieiro Moreira (†1923), o primeiro home de Carme Díaz Gutiérrez, que foi madrasta, en segundas nupcias, de Manuel Gutiérrez Torres, alcalde franquista e xefe local de Falange.
O xornal vigués Galicia do 13 de febreiro de 1923 informa que Ánxel Campos Varela, avogado e xuíz municipal de Cerdedo, viaxara á vila de Vigo. Razóns tiña. Seis meses despois, Progreso (17-8-1923) publica: En Vigo ha sido pedida la mano de la señorita Rosa Cerqueira Domínguez para el abogado y juez municipal de Cerdedo D. Ángel Campos Varela. Rosa Cerqueira Domínguez era filla do industrial Antonio Cerqueira, membro dunha coñecida estirpe de conserveiros. A comezos dos anos 20, o salgador Antonio Cerqueira escindirase da matriz de Coia, fundada polo seu pai Jõao Baptista Cerqueira, e trasladará a súa empresa a Canido.
Ánxel Campos Varela e Rosa Cerqueira Domínguez contraen matrimonio en Vigo en setembro do ano 1923 (Progreso, 27-9-1923; ídem, en Vida Gallega, 15-10-1923). O xornal El Compostelano (26-9-1923) informa: Acompañado de su esposa y en viaje de novios, pasó por esta ciudad [Santiago] con dirección a Coruña, el juez municipal de Cerdedo D. Ángel Campos Varela.
No nº 237 da revista Vida Gallega (6-11-1923), publícase unha foto dos dous contraentes. A instantánea é de Ksado. O matrimonio acorda residir en Pontevedra.
O 28 de febreiro de 1924, o xornal Progreso informa: Hoy jurará el cargo de abogado ante la Audiencia nuestro querido amigo D. Ángel Campos Varela, el cual se dedicará al ejercicio de la profesión.
El Pueblo Gallego do 16 de maio de 1924 informa do debut de Campos Varela nos escenarios xudiciais.
En maio de 1924, Ánxel Campos Varela figura nunha listaxe de “somatenes de Pontevedra” publicada polo xornal Progreso (24-5-1924). O Somatén era un corpo parapolicial de natureza burguesa e ideoloxía elitista e ultraconservadora que, instituído polo ditador Primo de Rivera, dicía velar pola orde pública.
El Pueblo Gallego (29-4-1925) informa que Ánxel Campos Varela ía ser nomeado secretario interino da Audiencia Provincial de Pontevedra. O xornal Progreso (6-5-1925) confírmao e engade: Conocidas las dotes de actividad y celo del designado, no es preciso añadir que su labor será en extremo beneficiosa para la administración de justicia.
O secretario da Audiencia non desdeña os ares monteses do seu Cerdedo natal (v.g.: El Pueblo Gallego, 5-6-1925), aínda que, de preferencia, escolla a mariña de Canido, na parroquia viguesa de Oia, para veranear: Después de pasar el verano en sus posesiones de San Miguel de Oya, regresó ayer a esta capital [Pontevedra], acompañado de su distinguida familia, el ilustrado y culto abogado don Ángel Campos Varela, querido amigo nuestro.
Sea bienvenido (Progreso, 30-9-1926).
O 19 de outubro de 1926, o xornal El Pueblo Gallego felicita a Ánxel Campos Varela (secretario interino da Audiencia) polo nacemento do seu primeiro fillo. O xornal Progreso (5-11-1926) cobre a nova do bautismo. Apadriña o avó materno e oficia o tío paterno: Ayer mañana y en la iglesia parroquial de San Bartolomé, recibió las aguas bautismales el primogénito del culto abogado y secretario interino de esta Audiencia don Ángel Campos Varela.
Apadrinaron al neófito don Antonio Cerqueira y doña Catalina Company, oficiando el acto el ilustrado párroco de Ribadumia don Valentín Campos Varela.
Al citado vástago se le impuso el nombre de Ángel.
Con tal motivo, en la morada de los señores Campos-Cerqueira se celebró una animada fiesta a la que concurrieron distinguidas personas de sus amistades, las cuales fueron obsequiadas con un espléndido “lunch”.
En novembro de 1926, Campos Varela revalida o cargo de secretario interino da Audiencia de Pontevedra.
No ano 1927, o xornal El Pueblo Gallego (que nos serviu de elucidario para elaborar esta biografía) é adquirido por Manuel Portela Valladares, que se converterá en director da publicación. Portela Valladares, político liberal de ideoloxía centrista, chegou a ser presidente do Goberno durante a II República.
O 9 de agosto de 1927, o xornal Progreso informa do falecemento en Cerdedo de María Varela Camiña (viúva de Campos), nai dos Campos Varela.
En decembro de 1928, Ánxel Campos Varela colabora con 5 pesetas na homenaxe a Blanco Porto, director da Coral Polifónica de Pontevedra.
O 16 de xuño de 1929, o xornal Progreso informa: Ha salido para sus posesiones de Canido (San Miguel de Oya), en donde pasará el verano, el culto abogado don Ángel Campos Varela.
Diariamente vendrá a Pontevedra por la mañana para atender a su acreditado bufete.
El Pueblo Gallego do 29 de outubro de 1929 informa do falecemento na Estrada de Benxamín Campos Varela, mestre en Barcia de Mera (Covelo) e irmán de Ánxel.
Mediado o ano 1929, a familia Campos-Cerqueira aínda reside en Pontevedra. Pouco despois, Campos Varela e mais a súa muller avecíñanse en Vigo, ocupando a vivenda propiedade da súa consorte, sita na céntrica rúa Colón. Instalado en Vigo, o cerdedés non demorará involucrarse na política municipal viguesa.
El Pueblo Gallego (16-11-1929) informa que, de véspera, a Comisión Permanente Municipal do concello de Vigo se reunira para, tratar, entre outros asuntos: o acto conciliatorio promovido por don Ángel Campos Varela en reclamación de 3.500 pesetas en concepto de sus honorarios de abogado en causa criminal contra un chófer municipal.
Nos anos trinta (e dende 1859) a casa do concello de Vigo ocupaba o inmóbel da actual Casa Galega da Cultura, sede da Biblioteca Penzol e sita na praza da Princesa (ant. praza da Constitución).
Na edición do 13 de febreiro de 1930, Progreso publica: Nuestra buena fe y mejor voluntad fue sorprendida con una carta, firmada por nuestro querido amigo el prestigioso abogado don Ángel Campos Varela, en la cual se decía que éste seguía afiliado a la Unión Patriótica.
Dicha carta resultó apócrifa.
Aunque la cosa no tiene mayor importancia, lamentamos este lapsus y protestamos contra el canalla que tal suplantación hizo.
A Unión Patriótica (1924-1930) foi un partido político personalista creado por Miguel Primo de Rivera, que substituíu os partidos tradicionais e deu soporte ao réxime ditatorial. Primo de Rivera presentara a súa dimisión o 28 de xaneiro de 1930. Baixo o réxime ditatorial de Primo de Rivera, Campos Varela estivo afiliado á Unión Patriótica, organización cuxo lema era “Patria, relixión, monarquía”.
Na sesión supletoria do concello de Vigo celebrada o 2 de maio de 1931, o concelleiro Campos Varela presentou unha instancia para que se satisfixese a débeda económica contraída cos obreiros pobres do campo (El Pueblo Gallego, 3-5-1931).
Continuará...