Probable autor do Cruceiro do Hío
Anxo Coya
Tras a pegada do escultor
Cotobade e Cerdedo
Madrid e A Coruña
Ignacio Cerviño no Hío e en Cangas
Existen tres documentos que certifican a súa estancia aquí en tres anos distintos. Era o 27 de novembro de 1869, cando Ignacio asina como testemuña da entrega dunha cantidade de diñeiro ao mestre albanel Juan Iglesias polos traballos realizados na Casa Reitoral. Igualmente asina outro documento o 11 de setembro de 1871, tamén como testemuña, pola compra dun terreo por parte dun veciño da parroquia que vivía preto do seu taller. Cerviño debeu trasladar a súa familia ata aquí, é dicir, a súa muller Josefa e a Dionisio Casimiro, o fillo que tivo coa súa primeira esposa, Ramona, en Madrid, e que na chegada á parroquia do Hío contaría con 7 anos. Confirman esta permanencia os datos do bautismo e do nacemento da súa filla María Carmen de los Remedios o 2 de abril de 1872, segundo consta no libro de bautizados desta parroquia e no Rexistro Civil de Bueu, a cuxo concello pertencía esta parroquia. É o ano da colocación do Cruceiro, segundo nos acredita O Esmoleiro, obra tamén de Ignacio, coincidencia esta significativa. Insisto, todo isto non pode certificar a autoría do Cruceiro, pero non hai dúbida de que neses anos desenvolveuse unha actividade dirixida á instalación de algo que se chamará Cristo da Luz, o noso Cruceiro do Hío, como desde entón (1872) e ata hoxe se lle coñece, e ademais coincide coa súa presenza. Abonda con preguntarse: cal foi a razón de que Ignacio Cerviño vivise aquí? A que se dedicou? Desa época non se lle coñece obra algunha. E de súpeto o Cruceiro é unha realidade a partir de 1872, e concluída esta obra, trasládase a vivir a Cangas, onde cumprirá varios contratos. Da permanencia de Ignacio Cerviño e dos seus traballos en Cangas xa deu conta Eugenio Eiroa, Estanislao Fernández de la Cigoña en Cerviño contra Cerviño (2013), E. Alfonso Fernández Sotelo, e eu mesmo recordeino no meus traballos citados. Por iso, tan só me gustaría lembrar o testemuño da solicitude do seu empadroamento en Cangas, onde se recolle a súa orixe, oficio e residencia: “Ygnacio Cerviño y Quinteiro, natural de Sta. María de Aguasantas, de oficio escultor, residente en esta villa hace dos años, solicitando se le empadrone como vecino”. O 19 de xullo de 1872, con menos de catro meses de vida, é soterrada no cemiterio municipal de Cangas María Carmen de los Remedios, a filla que nacera no Hío. Neste camposanto tamén se lle atribúen dous panteóns: o do fomentador Joaquín Francisco Graña Rodal (a) “Ranqueta” e o do aldanés Joaquín Romero y Bedoya, finado en 1876. Máis tarde, xa cun Ignacio que tiña o seu equipo de traballo, a súa rúbrica aparece en 1887 no interior da igrexa parroquial de San Salvador de Coiro, do mesmo xeito que o fixo seu pai nas bóvedas da igrexa de Aguasantas en 1851. Un adiñeirado chamado don Perfecto Lavandeira Soliño, veciño de Vigo, demanda ao concello de Cangas en 1891 pola mala conducción da auga da Fonte de Santiago. Ademais acude ao arquitecto titulado don Genaro de la Fuente para facer un plano da situación das minas e da dita fonte. A auga é levada dende a mina mediante unha galería empedrada feita polo escultor que é tratado do seguinte xeito: “...Es de notar que esa nueva galería fue dirigida y construída no por una persona perita, sino por un cantero llamado Ygnacio Cerviño, vecino del partido judicial de Puenteareas á Cañiza, persona incompetente y de la cual no es posible suponer la pericia, el acierto y la fortuna necesaria...”. Nos demais documentos atopados en diferentes arquivos, Cerviño é considerado como: canteiro, mestre canteiro, escultor e incluso como arquitecto (do que non estaba titulado). Algunhas figuras da interesante Semana Santa de Cangas talladas en madeira e a escultura da Fonte de Santiago son obra do noso protagonista.
Vinte anos en Ponteareas
Outras moradas e residencias do artista
Defunción de Ignacio
* Agradezo a colaboración dos que permitiron e fixeron que esta investigación fose posible. A todos eles/as moitas grazas.
* Publicado en Faro de Vigo na edición do Morrazo en dúas entregas o 13 e 14 de outubro de 2017