Desde o activismo cultural queremos subliñar a súa colaboración co asociacionismo de base, a súa constante disposición a conferenciar, aconsellar ou iluminar as entidades culturais do noso país no necesario labor que estamos a desenvolver.
Na Estrada lembramos especialmente a súa presenza continua nos centros de ensino, nas actividades culturais, nos certames e nas súas colaboracións coa revistas locais.
Xosé Neira Vilas, nunca renegou da nosa lingua e cultura, nunca dimitiu de galego e achegou toda a súa intelixencia e creatividade para que o noso idioma florecese e brillase con máis esplendor.
Neira Vilas deixanos, mais Balbino queda, e queda toda a súa inmensa e esclarecedora obra, de tal xeito que dalgunha maneira segue a vivir nela e como tal o sentimos todos os que queremos o que el tanto quixo: a nosa lingua, a nosa cultura, a nosa patria, Galiza.