No ano 1916 tiña lugar, na cidade da Coruña, un feito de grande transcendencia no decorrer cultural e político da Galiza. A comezos dese ano lanzábase a idea de constituír unha asociación cuxo primeiro nome, suxerido por Aurelio Ribalta e Antón Villar Ponte, respondía á denominación de Liga de Amigos do Idioma Galego. Poucos meses despois, o dia 18 de maio, na Real Academia Galega, fundábase unha entidade que recibiu o nome de Irmandade dos Amigos da Fala, a cal, en moi pouco tempo, pasou a se coñecer como as Irmandades da Fala, cuxo obxectivo básico era a defensa, o pulo e o espallamento do idioma galego para, posteriormente, se constituír como unha plataforma en prol da lingua, a cultura e a identidade galega.
Agora, ao se cumpriren 100 anos daquel acontecemento, a iniciativa ORA GALEGA desexa conmemorar ese centenario cunha Volta pola Irmandade. Unha exposición itinerante que leva o nome de iFala, en homenaxe ao conxunto de homes e mulleres que hai cen anos traballaron para incrementar a nosa autoestima, para defender a lingua, a cultura e a identidade galegas, para conseguir a igualdade de dereitos para a muller e para atinxir a soberanía estética, cultural e política da Galiza.
A Estrada tivo un papel moi relevante neste proceso. Aquí coincidiron personalidades das Irmandades tan relevantes como Castelao e Antón Losada Diéguez, quen mesmo se presentou polo noso distrito como candidato deste grupo ás eleccións as Cortes Xerais do Estado. Otero Abelleira ou Manuel García Barros tamén serán figuras locais senlleiras deste movemento cultural e político.
Para coñecer a nosa historia e saber das nosas potencialidades, convidamos a toda a veciñanza a visitar a exposición iFala.
iFala from Illa Bufarda on Vimeo.