Calros Solla
Ben cedo abandonamos o conforto de mantas e cobertores, pois citarámonos en O Meu Lar cun grupo de excursionistas que, procedentes da vila do Lérez, nos comunicaran semanas atrás o seu interese por coñecer de primeira man os valores medioambientais, arqueolóxicos e mitolóxicos do monte do Seixo (Roteiros en familia-FANPA-Concello de Pontevedra). Moitas grazas, Manolo Domínguez.
Paseniño, facendo o ruído necesario, ímonos achegando á cifra dos 3.400 visitantes guiados. Este teimoso labor de anos evócame unha copla na voz da entrañábel Manuela de Barro: “Estreliña do luceiro e mais a da claridá, vaise o día, vénse a noite, vaise a miña mocedá...”. Sempre na lembranza, querida Manuela.
O roteiro do domingo levounos, 273 anos despois de Sarmiento e por petición dos asistentes, até o Outeiro do Coto, cimeira do Seixo. Dende alí, a paso de boi, acompañamos aqueles devotos da Montaña Máxica deica o Castro Grande (ou Outeiro do Castro). A nutrida presenza de crianzas animounos a mostrarlles a selleira peneda que, imperturbábel, se ergue tras a chaira de Rebordelo: a galería soterrada da Besta Branca, cabalo unicornio; a toqueira do rato Rabisaco, o poleiro da galiña dos pitos de ouro, a moradía da Moura de loiros cabelos...
Amais do acervo mítico, os nenos urbanitas descubriron con abraio o toxo pugarento, a bosta de vaca, o cagallón de cabalo, a pedra de seixo... Por se fose pouco, ao disimulo dunha reganduxa, unha nena, loira como a Moura, achou unha peciña de prateado metal, refulxente coma o luceiro. A pequecha non dubidou en identificar o inopinado galano como alfaia extraviada do dote que garda e acugula a casadeira Moura do Castro. Non lle afeamos a crenza, coñecedores da moderna idolatría que ateiga o maxín das crianzas. Abofé, aquela cativa velará o arxénteo adobío da Deusa Nai como “prata en pano”. Parabéns!!!
Por suposto, tras a peneda do Castro Grande, levamos o animoso grupo de camiñantes deica a Cruz do Seixo e Portalén, concluíndo a deliciosa xeira no Marco do Vento, onde, segundo a lenda, todos os ares dan a volta. Nós tamén.
Despedímonos agarimosamente dos pontevedreses coa esperanza de telos convertido á relixión do monte do Seixo, apóstolos afervoados da súa maxia.
Daban as dúas da tarde. Os asuntos dos deuses déronlles paso aos asuntos da humana xente. O becho da fame picaba no bandullo. O xantar soubo mellor ca de costume porque se compartiu mesa e mantel coa insigne Luz Fandiño, merecente do Salvoconduto de Honra do Capitán Gosende en 2017 e, hogano, recoñecida co título de Mestra da Memoria pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). Alédanos salientar que os de Capitán Gosende fixemos valer a nosa humilde influencia na AELG para que o prezado galardón recaese este ano na figura da nosa admirada Fandiño. Do mesmo xeito, en 2013, cadrando coa primeira edición destes premios, homenaxeouse á nosa ilustre e inmorredoira conveciña Manuela Cortizo Medal. As homenaxes en vida. O traballo feito non corre présa.
Para o café de sobremesa e para o labor exploratorio de pola tarde, fóronse sumando outros membros de Capitán Gosende. Luz Fandiño e Mar Gómez, compañeira na asociación, despedíronse, pois programaran acudir a un concerto de Tino Baz na vila de Cangas. Tino Baz, célebre cantautor guardés, outra das selectas amizades do clan dos Gosende.
Apuramos a segunda dose de cafeína e chimpámonos de novo ao camiño. As lombas setentrionais do concello de Forcarei agardaban polos buscadores de petróglifos. Dura vida a do “petroglifeiro”, dicimos con retranca.
Apeamos á beira do outarelo do Revoltón e fotografamos novamente o gravado rupestre achado o domingo anterior (18-2-2018). Chegou ao noso coñecemento que un grupo de alumnos do IES Chano Piñeiro, acirrados polos seus profesores, fixeran por seguir as pegadas da tropa dos Gosende, procurando e admirando in situ a riqueza arqueolóxica que agocha a súa terriña. Dámonos, con este xesto, por ben pagos. Que cunda o exemplo. Moitas grazas, Xoán Carlos Garrido.
Afastámonos do Revoltón dirección norte, azorramos vigorosas toxeiras, azancamos pasteiros verdecentes, fixemos pouso ao pé dunha outra mámoa (Valiñaxemia II), vadeamos as augas do Umia no seu “andar primeiro de río” e, como dixen, abellas tras o néctar, fomos atraídos por un cotarelo zarrapicado de colmeas, nesta altura do ano aínda inactivas.
Chamounos a atención, dende a distancia, o fatado de trobos, mais tamén un afloramento granítico que, na vertente sur da cuíña, recachaba a súa albela osamenta. No idiolecto Gosende: aquela peneda era “de libro”.
Como de costume, escollemos o peor camiño para atinxir o rochedo: unha marusía de toxo cacharego e silva rasteña. Foron tantas as picadas e rozaduras que non houbo pernas abondas para repartir con equidade o cru tormento. Porén, tamén como de costume, o destino non lle relearía o premio a este labor entusiasta e inmune á corraña política. Desta non reprimo a modestia: acadei o coto e dei co oitavo petróglifo da presente campaña. Quen busca atopa!!!
Cun solpor alaranxado como pano de fondo, os Gosendes fundímonos nunha aperta. Non fora doado chegar até alí, tampouco ía ser doado emprender o camiño de volta; mais, antes da retirada, cumpría preencherlle ao gravado a correspondente partida de nacemento.
A inscultura, bautizada provisionalmente como petróglifo de Filloi (pola proximidade coa aldea), xa non cae da banda de Pereira, senón da banda de Aciveiro. A parroquia tiña até o de agora un mosteiro de sona e, dende agora, suma un gravado rupestre ao seu inventario de atractivos. Agardamos que sexa o primeiro de moitos.
O petróglifo de Filloi (coordenadas.- X: 555.128; Y: 4.721.342; alt. 625 m aprox.) componse, nunha primeira ollada, dunhas 15 coviñas agrupadas que, liña de puntos, se disporían en punta de frecha orientada cara ao fondal da valiña.
O petróglifo localízase a pouco máis de 500 m, en liña recta e cara ao oeste, da aldea de Filloi (Aciveiro), e a pouco máis de 700 m, cara ao noroeste, da aldea de Valiñaxemia (Pereira). O regueiro de Filloi e o regueiro da Reigosa únense naquela valgada, alentando o río Umia que se fai Atlántico no mar de Arousa. O regueiro de Filloi debuxa a estrema entre as parroquias de Pereira (sur) e Aciveiro (norte). O petróglifo de Filloi localízase a escasos 60 m da derrega interparroquial. Perto da intersección de afluentes tamén se estableceu o linde coa parroquia de Quintillán. Augas correntes e fitos arqueolóxicos contra a zuna dos cambiamarcos. O tempo é un río que flúe dende o noso pasado.1
Dirección sur, da estación petroglífica de Filloi deica a mámoa de Valiñaxemia II hai uns 270 m; da mámoa de Valiñaxemia II deica a mámoa de Valiñaxemia I, uns 520 m. Coordenadas: mámoa de Valiñaxemia I (X: 555.153; Y: 4.720.558); mámoa de Valiñaxemia II (X: 555.038; Y: 4.721.078). Do petróglifo de Filloi á croa do castro de Muras (X: 554.395; Y: 4.720.152), pouco máis dun quilómetro.
O domingo pola mañá teimamos na valorización do Seixo, paupérrimo parque eólico, excelsa montaña sagrada. No xantar, tomamos lección dunha galega boa e xenerosa. Querémoste, Luz Fandiño. Pola tarde, fixemos por ampliar o patrimonio arqueolóxico do concello de Forcarei e da galeguidade toda. Non buscamos o recoñecemento da fatua autoridade, apenas a benia do pobo que, non tardando, volverá polos seus foros. Oito petróglifos para Capitán Gosende.