Alba Rivas
Gracias benquerido alcalde por iniciar os trámites desta fusión.
Gracias por escoitar ás veciñas.
Gracias polas reunións informativas, e polos plenos.
Gracias pola elegancia e a boa disposición cara as que discordamos diante dos medios.
Gracias por escusarse na falta de poboación para unirse con Cotobade, ou con quen sexa.
Gracias polos chistes sen gracia.
Gracias polos ataques persoais a veciñas que se expresan libremente perante accións políticas.
Gracias infinitas polo caciquismo.
Alcalde, gracias de verdade, por todo iso e máis.
Gracias, porque co acordo interesado e ruín da fusión Cerdedo-Cotobade, temos a oportunidade de volver a xuntarnos as veciñas. De intentar entender entre todas de que vai esta merenda. De descubrir que as reunións informativas teñen de información sobre a fusión o que o monte Seixo ten de palmeiras. De visualizar o canto vale un voto, para o cacique, e canto valen os favores e as ameazas.
Gracias tamén, sobre todo, por avivarnos o sentido do humor e a alegría.
E gracias por lembrarnos que se nos fusionamos pensemos o que imos pedir porque por si acaso o esquezo adxunto en nota de prensa a lista das miñas peticións:
1. Que a fusión sexa coas veciñas da aldea, coidando unhas das outras, e axudándonos cando fai falta, mesmo que non estemos censadas aquí, se a miña veciña de Cabenca me vén pedir sal, lévollo eu antes que quen está censada aquí e vive en Ponte Vedra.
2. Que se a excusa é a falta de poboación, se cedan as ruínas sen propietarias a xente que queira habitalas, e se acollan con forza e servizos ás novas habitantes.
3. Que creamos en nós mesmas e no pedazo de terra no que estamos, Cerdedo, e que nos valoremos. O río Seixo, o Lérez, a Bichoca, as torres dos Mouros, Manuela de Barro, os Abrentes, as pandereteiras todas, as nenas que veñen bravas e valentes, os pastores, Porta Alén.
5. Que valoremos os nosos recursos naturais e culturais e non os deixemos expropiar por unha fábrica de colchóns.
6. Que nos queiramos, mesmo que nos pareza que a veciña se está equivocando, que nos apoiemos entre nós.
7. Que se se toman decisións, decidamos nós.
8. Que valoremos a auga e non lle poñamos prezo.
9. Que riamos, choremos e bailemos xuntas.
9.Que sexamos quen queiramos ser, sen atender aos favores do cacique.
Gracias Balseiros, porque non estamos soas, porque somos bravas, radicais da sinxeleza e da interdependencia. Apasionadas da transparencia e da lucidez. Do espertar coletivo. Da risa. Gracias.
Se estas peticións non se cumplen, declaro tamén publicamente, a independencia unilateral da miña casa na aldea da Revolta, na parroquia de San Xoán de Cerdedo, do concello de Cerdedo, do de Cotobade, e de todas as autoridades aburridas e grises que neguen o noso ben facer.