Para profundar nestas diferentes dimensións temos dedicado xornadas ao seu labor de recuperación do entroido, sensibilización e divulgación do noso patrimonio e de investigación da nosa historia. Neste ano queremos lembrar a súa achega como anovador pedagóxico e para iso contaremos cunha conferencia a cargo do catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Francisco Fernández Rei, quen ademais tivo unha fonda amizade con Olimpio Arca.
Francisco Fernández Rei é membro da Real Academia Galega, e desde 1973 forma parte do Instituto da Lingua Galega (ILG). Titula a súa conferencia “Olimpio Arca Caldas: Mestre do pobo e mestre multidisciplinar” e nela tratará de achegarnos o seu estudo sobre a faceta docente deste escritor.
O acto será presentado pola profesora Maka Arca Camba, filla de Olimpio Arca Caldas, e terá lugar o vindeiro venres 16 de novembro ás 20:30 no MOME (A Estrada).
* MOME (Museo da Madeira e o Móbel, Avda. Benito Vigo, 92A Estrada (San Paio)36680 A Estrada
Francisco Fernández Rei
Como investigador, unha das súas achegas máis importantes foi na área da dialectoloxía; formou parte do equipo de redacción do Atlas Lingüístico Galego, realizado a partir dun extensísimo traballo de campo, despois recollido no Arquivo do Galego Oral. A culminación deste traballo foi a publicación do libro Dialectoloxía galega (1990), resultado de máis de quince anos de investigación sobre a lingua oral. É autor tamén do audio-libro A nosa fala. Bloques e áreas lingüísticas do galego (1996), en coedición con Carme Hermida. Dirixe o Arquivo do Galego Oral. Sen dúbida, Francisco Fernández Rei é a principal autoridade en dialectoloxía da nosa lingua.
Como filólogo romanista, o seu interese céntrase no estudo histórico das linguas románicas; e ese interese vai máis alá do estritamente lingüístico, posto que se ten ocupado da análise da situación sociolingüística que algunhas destas linguas sofren; en particular, ten investigado sobre as linguas minorizadas que se falan en Italia (moi especialmente o sardo) e tamén no Estado Español; de feito, forma parte do Consello d´a Fabla Aragonesa. Foi coeditor de Estudios de sociolingüística románica. Linguas e variedades minorizadas (1999)
Con respecto á nosa lingua, centrouse en problemas de normativización, na construción do estándar e na problemática do galego estremeiro, en particular, na situación do galego de Asturias. Forma parte da Mesa prá Defensa del Galego de Asturias. Ao longo da súa traxectoria como investigador e docente, demostrou sempre o seu decidido compromiso coa normalización da nosa lingua. Participou en distintos encontros e congresos sobre o galego e outras linguas románicas minorizadas e ten publicado artigos en diferentes revistas culturais galegas, como A Trabe de Ouro, Revista da Filoloxía Románica, Cadernos da Lingua ou Grial.