Contrarretranca está agora dispoñíbel dixitalizada para comprobar que neste Concello moitas cousas seguen igual e que hoxe, como hai 15 anos, moitas forzas críticas e rebeldes tratan de mellorar as cousas. Concretamente o coñecemento sobre nós mesmos, o noso territorio, o noso pasado, os nosos recursos, as nosas cousas, e as nosas posibilidades.
Contrarretranca foi esforzo por divulgar, mais tamén iso foi motor da investigación para divulgar, e finalmente foi unha escola para todos e todas as que durante 20 números puxeron a súa achega voluntarista en sacar cada edición con novidades sobre o pasado, e con propostas para o futuro. Sempre desde o compromiso coa nosa cultura e coa nosa lingua.
Contrarretranca non traizoou nunca ao galego. Non renegou da lingua propia do país. É o mínimo de dignidade que se lle pode pedir a quen queira ser canle de comunicación dun pobo como o galego, secularmente amordazado e asolagado por un código alleo, abafantemente usado como se non tivesemos lingua de seu ou esta fose incapaz, inferior, subordinada, ...