Carlos Solla
O petróglifo das Abeleiras II localízase noutra laxa granítica (gran groso) sita a uns 120 m, cara ao nordés, de Abeleiras I. O petróglifo das Abeleiras II (coordenadas: X: 549.205; Y: 4.707.980; alt. 472 m), descuberto por Solla, componse de 4 ou 5 coviñas. A concavidade meirande acada os 10 cm de diámetro e os 4 cm de profundidade. A concavidade máis pequena acada os 5 cm de diámetro e os 0’5 cm de fondura. Unha greta cruciforme divide a lousa en tres seccións. O grupo de coviñas ocupa a sección norte.
As concavidades talladas en Abeleiras II presentan unha feitura semellante ás rexistradas en Abeleiras I, é dicir, parecen ser obra do mesmo labrante.
O petróglifo das Abeleiras III (coordenadas: X: 549.042; Y: 4.707.745, aprox.), descuberto por Solla, localízase a uns 215 m cara ao sudoeste de Abeleiras I. O gravado rupestre componse de 3 coviñas de dimensións máis pequenas ca as anteriores. As coviñas ocupan o recanto oeste dunha rocha vulnerada por extracción.
As estacións petroglíficas das Abeleiras, entre as aldeas de Lourido (N) e Biduído (S), atopáronse en cadanseu outarelo, augas vertentes do río das Cervas, e a escasa distancia da estrada que comunica as aldeas de Biduído e Chamadoira.
Cos achados das Abeleiras, o número de gravados rupestres inventariados no antigo concello de Cerdedo ascende a 45. A parroquia de Cerdedo acada a cifra de 24. O colectivo Capitán Gosende suma para a bisbarra de Montes dous petróglifos máis e deixa a súa marca en 54.