Ana Cabaleiro
Escollo este fragmento porque, case oitenta anos despois, sinto como meu o ideario que el defendeu e penso que As Ramonas, a obra que o xurado decidiu premiar nesta edición, é, en certo modo, herdeira do seu legado. García Barros, que comezou a publicar poemas de moi novo, elixiu desde o primeiro momento a lingua galega como lingua artística, nunha época histórica en que o galego era un idioma diferenciador de clase, daquelas que o galego non era máis que o idioma da xente humilde, das persoas traballadoras da terra, dos labregos e das labregas. El mesmo deixou documentado que nesta escolla tiveron influenza outros dous grandes escritores estradenses, veciños seus de Berres, os irmáns Marcial e Avelina Valladares. A eles e a toda unha xeración de intelectuais loitadores debémoslle hoxe a dignificación do idioma de noso que, a pesares das estatísticas adversas que ano a ano se fan públicas, da perda de falantes e do seu uso vil como arma política, segue presente na nosa vida pública e privada, na nosa cultura e tamén na nosa literatura. Sempre estivo rodeado de ventos de adversidade o noso idioma, mais eu quero pensar que a herdanza que os intelectuais coma García Barros nos legaron seguirá viva no compromiso das autoras que utilizamos o galego como materia prima para construír os nosos soños literarios, co mesmo orgullo e coa mesma firmeza co que eles o fixeron.
Pero o que máis me enorgullece deste premio é que As Ramonas é unha historia con raíces no rural. Por iso eu considero unha feliz circunstancia que este libro quede para sempre vinculado a García Barros, mestre rural, xornalista ligado á sociedade labrega, fillo de labregos e labrego el mesmo boa parte da súa vida. Quero pensar que tamén neste punto, As Ramonas son lexítimas descendentes súas. Certo é que o rural que eu traio na miña historia é un rural moi pouco agrario, é o rural que hoxe temos, habitado por persoas máis viaxadas, máis cosmopolitas, máis formadas, que tivemos a oportunidade de acceder á universidade, que falamos idiomas, e que, afortunadamente, xa non coñecemos a fame, pero que, coma Mona Otero, a protagonista da historia, intentamos facer xustiza á capacidade de loita e superación que historicamente demostraron os labregos e as labregas do noso país. Neste tempo de globalización, de consumismo voraz, de aparencias e de uniformidade, quedamos aínda moitas persoas que pensamos que a nosa contorna, o local, o familiar, o propio, é en verdade a nosa riqueza. Eu penso, e voume apoiar desta volta en palabras de Luís Seoane que “o que uniformiza diminúe ao ser humano, e que as diferenzas culturais enriquecen a humanidade”. E eu que son filla de gandeira e encofrador, filla da terra e da aldea, síntome hoxe orgullosa de que As Ramonas e a súa historia de rural e arte, de viaxes domésticas e soños de triunfo, vexa a luz en forma de libro premiado e manteña e actualice a vixencia dos nosos sinais de identidade.
Eu non fago profesión de amor á Estrada en As Ramonas, pero ao igual que García Barros homenaxeo a terra na que nacín, Saídres, en Silleda. Mais agora aquí si teño obriga moral e emocional de agradecerlle a esta terra estradense e ás súas xentes todo o que supuxo para min o paso por este concello. Como moitos e moitas de vós sabedes, A Estrada foi o meu primeiro fogar profesional. Aquí cheguei fai case dúas décadas para traballar na radio municipal, e foi nesa etapa na que coñecín non só este premio senón tamén a obra e a historia de vida do persoeiro que lle dá nome. Volver hoxe aquí como escritora supón unha honra e unha emoción tan grandes que non son quen de traducilo a palabras.
Por iso quero comezar agradecendo, en primeiro lugar, todo o apoio que sempre tiven dos compañeiros e compañeiras de Radio Estrada, que no seu momento sentín, máis que como un equipo, como unha familia, e tamén ás compañeiras e compañeiros da prensa da Estrada. Por todos os momentos vividos. As Ramonas tamén teñen un anaquiño de todas vós.
Grazas tamén ás cinco persoas que conformaron o xurado nesta edición e que, sen sabelo posto que os manuscritos se presentan baixo pseudónimo, conseguiron aumentar a nómina de autoras mulleres que acadamos este premio. Só tres autoras en 30 anos, polo que non podo máis que facer un chamamento para que entre todas e todos pulemos por conformar xurados sempre o máis paritarios posible para que as voces da literatura galega sexan cada vez máis diversas, máis plurais e máis inclusivas.
E grazas por suposto á Editorial Galaxia, a nave na que navegamos tantas autoras e, sobre todo, tantas lectoras. Grazas especialmente a Francisco Castro, o seu director xeral, porque teño que dicir publicamente que se el non tivese crido en min en 2016, eu non me tería presentado ao García Barros no 2018. Moitas grazas.
Tampouco podo deixar de nomear ás institucións que fan posible que este premio se manteña, chegando á trinta edición, sendo neste momento o máis antigo da provincia, ao departamento de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, á secretaría xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, e sobre todo ao concello da Estrada, a todos os gobernos municipais dos últimos 30 anos, por non permitir que nin os recortes, nin a crise, nin ningunha outra continxencia botase abaixo este galardón.
Longa vida ao Premio de Novela Manuel García Barros.
Ana Cabaleiro López
A Estrada, 14 de decembro de 2018