Veciñas do Seixo e da Conla (Cerdedo)
E vaia se chove, que mexan por nós e aínda nos queren anegar a gorxa coas abundantes precipitacións. Coma se a beleza do río e a climatoloxía afectasen por si mesmas a parar a emigración forzada das novas, e ó envellecemento e morte das veciñas vellas. Como se escribir nun informe de exposición pública sobre unha fusión da que non hai dato ningún, que o río Lérez é belo, fose refacer e sandar as desfeitas que o home fixo e fai aínda nel. O río Seixo comezará a acusar este verán no cauce a desfeita da traída interesada do concello.
Mais chove, hoxe neva, e o informe aínda vén apoiado por un informe da Universidade de Santiago sobre a fusión Cerdedo-Cotobade. E nós aclaramos:
1º- Este Informe está feito por un profesor de Dereito Administrativo que avala o proceso en canto ós requisitos legais que son necesarios para levar a cabo a fusión.
2º- O propio Informe contempla a necesidade de máis informes sobre prestación de servizos:
A todo lo anterior cabe añadir que sería conveniente que en el proceso de fusión se evaluase la situación en que quedarían los servicios que vienen prestando los municipios que se van a fusionar... (páx 9).
3º- O lóxico en todos os casos de fusión de concellos sería pedir un informe a un experto en Ordenación do Territorio. Este tipo de informe resulta imprescindible nesta fusión, a cal trastoca completamente o mapa comarcal galego e vai en contra de toda a anterior organización territorial de servizos (xudiciais, sanitarios, educativos, de seguridade, agro-gandeiros…).
4º- Tamén serían imprescindibles outro tipo de informes, como un de viabilidade económica, que acredite a sustentabilidade financeira do novo municipio (requisito legal, LBRL art. 13/2).
Entón, nós dicimos:
Un informe dun profesor universitario de Dereito pode avalar a legalidade da fusión, mais NON PODE DETERMINAR, NIN DETERMINA, se en termos económicos, de xestión de servizos, de comunicacións, ou de índole xeográfica e sociocultural a fusión é viable ou recomendable.
Ademais a lei de fusións modificouse no 2013, despois dos problemas legais que houbo coa de Oza-Cesuras. Sabemos como di o dito: "Quen fai a lei, fai a trampa".
Aínda chove, e as radicais anti-sistema estamos e estaremos na batalla. Estaremos porque cando o sistema baixa do coche para berrar e ameazar por estar colgando un cartel que reza Non á fusión, ou cando “o sistema” peta nas portas de todas as veciñas para repartir boletíns pro-fusión e llos nega ás que discordamos (usando os cartos de todas para imprimir os folletos), cando “o sistema” fai campaña pro-fusión camuflada en reunións sobre a reciclaxe, o que lle pasa “ao sistema” é que se sente atacado e ten medo porque sabe que non está facendo as cousas ben. E parece que o pobo adormecido, xunto, acorda. E nunca choveu que non escampara, por moito que chova na Terra de Montes.
Veciñas do Seixo e da Conla (Cerdedo)