O 24 de febreiro, aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón desde 2010 á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo.
Para a edición de 2019 Ana Romaní é a persoa escollida para a redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, que terá lugar o propio domingo 24 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. O texto será tamén lido en todos os actos promovidos pola AELG. así como nos organizados por outras entidades que se sumen ás propostas que a entidade remitirá a concellos, asociacións, centros de ensino.
No noso concello conmemórase institucionalmente e no ensino o día de Rosalía xa de xeito definitivo e consolidado nos últimos anos. Polo cal desde a A.C. Vagalumes aplaudimos e sumámonos a todas as iniciativas existentes neste sentido.
No noso caso facémolo convocando á lectura do manifesto a cidadanía o vindeiro domingo, no propio día da conmemoración, para ás 13:00 h. na praza do Mercado da Estrada.
Convidamos a todas e todos a participar nesta homenaxe así como en todas as actividades que teñan lugar para coñecemento e recoñecemento desta personalidade fundamental da nosa cultura.