Pedro j. Peón Estévez,
O pasado venres, Balseiros cantaba as alabanzas do invento na casa do povo de Pedre ante unha escasa ducia de veciños. Un deles díxolle que non se fundía con Forcarei (que sería o lóxico e natural) porque non se levaba coa alcaldesa Belén Cachafeiro. El insistiu en que llelo propuxera cen veces e que ela negouse. Esa mesma tarde, a través das ondas da cadena Ser, todos oímos a Belén dicir que a ela xamais lle propuxera tal cousa. Quen minte? Hai unha gran diferencia; Balseiros díxoo ante un grupiño de veciños en petit comité e a de Forcerei espallouno por radio por toda a provincia. O máis curioso é que había pouco máis dun ano, Balseiros acudiu a este mesmo lugar co argumento oposto. Daquela intentaba engordar o censo con vistas ás futuras eleccións. E non era a primeira vez (conservo os bandos). O caso foi que dicía que coa perda de povoación desaparecería o concello e os correspondentes servizos e que convenceramos a amigos, conhecidos e demais familia que viñeran empadroarse en Cerdedo aínda que fora de xeito provisional. Intentaba inchar o censo, que non fixar povoación. Iso nunca lle preocupou. Mal sabía el que o cómputo do censo faise un ano antes dos comicios. O que é de xulgado de garda e que ó tempo que nos estaba relatando os horrores dunha fusión, levaba un ano intrigando na sombra coa fusión con Cotobade!!! (Declaracións súas no D de P do domingo pasado) Pero que é o peor de todo? O peor é que os que lle aplaudiron a tese anti-fusión son os mesmos que agora lle aplauden a tese pro-fusión. Toma criterio!
E se fose unha fusión... Isto é unha absorción. O peixe grande que come ó pequeno. Balsi vendendo o que non é del ó seu amiguiño dabaixo. E Cubeliña todo cheo de razón de timonel pois "Barco grande, ande non ande" que di o refrán.
Cando vin a foto dos catro collidos das mans pensei que era unha parodia da foto dos Açores pero o primeiro que me veu á cabeza foi o cantar do gato: "Xuntáronse catro un día / os máis brutos deste barrio..." Que grande o Fito! Canto o boto a faltar!
A pretendida fusión de Cerdedo e Cotobade é, como dicía un vello amigo meu, "Intentar cruzar un porco cunha cabra no mes de maio" Pero todo é posible habendo gheta.
O Cubeliña é bo rapaz e anda fascinado cos parabéns dos seus adeptos pero...ollo! Tamén sabe calificar as críticas de "declaracións belixerantes" (diario de P.) Coma así, o rapaz está contento pois Cerdedo apórtalle un electorado típicamente conservador que lle ven de perilla.
Lembro unha ocasión en que o defunto Cuíña quixo poñer a Marín na comarca de Pontevedra e os de Marín case o linchan. Eran outros tempos en que a xente non se deixaba bacilar. Como será o escudo do novo concello? O "agnus dei" a carrancholas do canón de pau?
De remate, quixera proporlle algo ós promotores deste enxendro. É un xogo de palabras. O nome do novo concello comporase coas dúas últimas sílabas dun e as dúas primeiras do outro, é dicir: DEDOCOTO. E xa por último dicir que isto da fusión non é nada novo: Balseiros leva anos fundindo a Cerdedo.