A Asociación Cultural “Vagalumes” pon a disposición pública e aberta unha serie de documentos cos que contribuír ao estudo dun acontecemento decisivo da nosa historia local: a revolta agraria de 1915. Este feito que marcou a historia política e social do noso concello merece unha análise demorado agora, cando está a conmemorarse o seu centenario, a luz das conclusións que deste suceso podemos tirar. Conclusións e debate que non queremos dar pechado, senón que agardamos que a raíz destes materiais, así como outros que se irán incorporando, poderemos facer entre todos.
Recollemos dous textos que narran estes feitos e que foron recollidos en libros, mais sobre todo xornais da época entre os que subliñamos os dous especiais do ECO DE LA ESTRADA dedicado a este feito con motivo da Festa Agraria e o monumento de Lagartóns.
Como veremos este conflito tivo moitas dimensións. Ademais da política (loita anticaciquil) e a sindical (defensa dos intereses labregos) tamén condicionou o movemento asociativo na emigración e o desenvolvemento da renovación pedagóxica e a extensión do ensino por todo o noso rural a través das sociedades de instrución. Lembramos aquí os estatutos da Unión de Rubín, unha desas sociedades nas que se apoio este movemento pedagóxico e que contou entre os seus primeiros mestres a Manuel García Barros, e coma un dos seus alumnos destacados a Manuel Varela Buxán.
A Estrada rural, organizada nas sociedades agrarias, finalmente, hai cousa dun século fartouse da súa marxinación e levantouse contra o grande cacique, o Marqués de Riestra. Logo de cercar a Vila, e diante da detención dos dirixentes sindicais no campo da festa de Lagartóns, mobilizouse e ateigou a vila nunha tensa situación que finalmente se resolveu coa cesión do poder local aos agrarios. Ao cabo dun ano a Federación de Sociedades Agrarias celebrou un congrego agrario na Estrada e erixiu un monumento para lembrar esa loita. Estas páxinas gloriosas do noso pasado poden hoxe servir de guía para albiscar un futuro para o noso Concello. Aquí podedes acceder a este ilustrativo material.