Cerdedo perdeu a memoria ( I )
Calros Solla
No seu artigo 15.1, a devandita lei di: Las Administraciones públicas, en el ejercicio de sus competencias, tomarán las medidas oportunas para la retirada de escudos, insignias, placas y otros objetos o menciones conmemorativas de exaltación, personal o colectiva, de la sublevación militar, de la Guerra Civil y de la represión de la Dictadura.
A autoridade de Cerdedo négase a acatar a lei, pois, segundo o seu tendencioso criterio, para obliterar, por exemplo, os xugos e as frechas das fontes públicas é preceptivo, a maiores, unha recollida de sinaturas. A mesma autoridade veta calquera recoñecemento institucional aos cerdedenses represaliados polo franquismo, aducindo que “ya se habían puesto en contacto en anteriores ocasiones con las familias de las víctimas y estas no querían que se realizasen actos de este tipo en el municipio”. Non cabe dúbida que o Goberno de Cerdedo, transgredindo o que é de lei e obviando o que é de xustiza, optou polo vil esquecemento.
Nós non esquecemos e traemos a colación que, en maio de 2003, todas as forzas políticas do Concello, incluída a que aínda goberna, acordaron por unanimidade erguer un monumento en lembranza dos veciños de Cerdedo que foran vítimas da Guerra Civil (véxase o boletín Verbo Xido, nº 11). É evidente que aquel compromiso ficou en papel mollado.
Porén, cómpre dicir que, como desagravio, cada 13 de agosto, algúns seguimos acudindo á parroquia de Pedre a carón do monumento que, promovido pola asociación Verbo Xido, se erixiu en 2006 por subscrición popular no quilómetro 74 da antiga estrada de Ourense, infausto lugar coñecido pola Ponte do Barco.
O monumento perpetúa no recordo os nomes de Francisco Arca Valiñas e Secundino Bugallo Iglesias o Cambo1, republicanos cenetistas asasinados en Cerdedo a noite do 12 ao 13 de agosto do 36. Así mesmo, canda Arca e Bugallo, neste acto cívico e cadaneiro faise acordante de todos os cerdedenses que, na defensa explícita dos ideais democráticos, foron axustizados, detidos, torturados, perseguidos ou forzados ao exilio polo réxime franquista. Todos os anos, o acto conta coa participación emocionada de familiares dos homenaxeados.
Tras a proclamación da Segunda República en España (14 de abril de 1931), a vitoria dos partidos de esquerda nas elecccións a Cortes Constituíntes de xuño de 1931 consolidou o chamado Bienio Reformista (abr. 1931-nov. 1933). Estrela fatua, pois, o triunfo da dereita nas eleccións xerais de novembro de 1933 daría paso ao chamado Bienio Conservador (ou Bienio Negro), agoiro da rebelión militar fascista de xullo de 1936.
As innovacións e melloras emprendidas polo Goberno Provisional presidido por Niceto Alcalá-Zamora (1931) e o posterior Goberno presidido por Manuel Azaña (1931-33) abrangueron a agricultura (cambio no sistema de propiedade da terra), o exército (xubilación voluntaria dos desafectos), o ensino (laico, obrigatorio e de balde; creación de 10.000 escolas), os dereitos sociais (sufraxio universal, matrimonio civil, divorcio), a cuestión relixiosa (separación Igrexa-Estado, liberdade de culto), a laboral (defensa dos dereitos dos traballadores) e a territorial (descentralización política).
As reformas implantadas polo primeiro bienio da República acadaron, en democracia, a condición de dereitos irrenunciábeis, xa que logo, é a nosa obriga moral enxalzar os nomes dos homes e das mulleres que, naquela España integrista, retrógrada e carpetovetónica, puxeron en risco a súa vida en prol da modernidade, a tolerancia e o ben común. O tempo voa e vanse cumprir 80 anos do infausto xullo do 36.
En Cerdedo, dunha longa restra de nomes, ocupámonos hoxe da figura de Francisco Varela Garrido, tamén coñecido por Pancho Varela.
Fillo de Peregrina Garrido e Xerardo Varela, Francisco Varela Garrido naceu no lugar de Cerdedo no ano 1900. Cursou estudos de Maxisterio, dedicándose á profesión de comercial (comisionista) no negocio de seu pai. Pancho Varela era un home alto (1’80 m), ben parecido, culto e de verbo fácil.
Afastándose radicalmente da ideoloxía do seu proxenitor (Xerardo Varela, que fora en 1904 e 1909-10 alcalde de Cerdedo, defendeu no concello os intereses do riestrismo), Pancho Varela foi un destacado activista político e cultural, membro da Sociedade de Agricultores de Cerdedo e correspondente do xornal vigués El Pueblo Gallego.2 Adscrito, de primeiras, ao PSOE, integrouse posteriormente nas fileiras de Izquierda Republicana. Durante a República, exerceu o cargo de xuíz municipal (1931-set. 1933). Ostentaba, en 1936, a secretaría do concello e o 20 de xullo, cando o alzamento, foi designado delegado gobernativo en Cerdedo a instancias do gobernador civil de Pontevedra. Nesa altura, a alcaldía cerdedense recaía no socialista Luciano García Ventín.
Da rebusca na prensa histórica e a consulta da documentación achegada xentilmente polo historiador Xoan Carlos Garrido, obtiven uns flashes verbo da vida e a obra de Francisco Varela Garrido, que agora ordeno cronoloxicamente para que, de seu, iluminen os escuros rochos da desmemoria:
Na páxina 2 de El Diario de Pontevedra do martes 13 de novembro de 1917, na sección “Apuntes noticieros”, lemos que, na véspera, os alumnos da Escola Normal elixiran a xunta directiva da súa asociación. O mozo Francisco Varela Garrido é nomeado vicesecretario. Tráxico destino, vinte anos despois, o martes 27 de xullo de 1937, o mesmo xornal publicaría a tráxica nova da súa execución.
Na páxina 7 do semanario bonaerense El Heraldo Gallego (“Órgano de las colectividades gallegas en El Plata”) do domingo 9 de maio de 1926, atopamos un exemplo do seu compromiso coa cultura e o deporte, en prol do desenvolvemento cerdedense. Pancho Varela figura como secretario da primeira directiva do Cerdedo Fútbol Club:
Nombramiento de directiva.- En reunión celebrada uno de estos días por un grupo de entusiastas del football, se acordó la formación de un modesto equipo con el título de Cerdedo F. C., habiéndose nombrado la siguiente directiva:
Presidente, don Antonio Sanmartín; secretario, don Francisco Varela Garrido; tesorero, don Francisco Bouzas Varela; vocal primero, don Gervasio Bugallo y segundo, don Francisco González.
Nuestra enhorabuena a todos.
Aplicando a máxima “Mens sana in corpore sano”, alén do balompé, Pancho Varela tamén se involucrará na creación de bibliotecas públicas e centros culturais. No xornal El Pueblo Gallego do venres 10 de agosto de 1928, na sección “Información regional” (páx. 13), lemos: Cerdedo. Simiente, más simiente.- Decía el infatigable batallador Juan Jesús González3, días pasados, al principio de su artículo en la sección de noticias de Compostela.
Con gran satisfacción veo que la idea lanzada por Juan Jesús de crear bibliotecas populares y centros culturales en todos los pueblos ha alcanzado incremento en muchas villas de nuestra querida Galicia.
De lamentar es que pueblos como Cerdedo no den la voz de alerta en asunto de tan trascendental importancia, habiendo dado infinidad de veces pruebas del espíritu de regeneración que hace tiempo se viene notando en esta villa. Cabe el orgullo a nuestro buen amigo Pancho Varela, corresponsal de El Pueblo Gallego en esta localidad, de ser el iniciador de todos estos actos culturales. A buen seguro que si sus ocupaciones se lo permitieran, tendría abordado tema de tan vital importancia.
Instamos al amigo Pancho a que inicie la propaganda para que Cerdedo llegue a disfrutar de los beneficios a que Juan Jesús alude en su citado artículo (ídem, en Correo de Galicia (“Órgano de la Colectividad Gallega en la República Argentina”) do domingo 23 de setembro de 1928, páx. 13).
Unha semana despois, en El Pueblo Gallego do venres 17 de agosto de 1928, na sección “Información regional” (páx. 13), lemos: Cerdedo. La biblioteca.- Con gran júbilo me enteré de la idea lanzada días pasados en la sección de noticias de Cerdedo, acerca de la creación de bibliotecas populares y centros culturales. No obstante el poco tiempo transcurrido desde que esta idea fue expuesta, empiezan a notarse en esta villa los efectos, lo que prueba clara y palmariamente que existen personas que se desvelan por la prosperidad y engrandecimiento cultural.
Cerdedo, por fortuna, empieza a reaccionar, y si a esto unimos el celo e interés que nuestro buen amigo Pancho Varela, activo corresponsal de El Pueblo Gallego, acostumbra a desplegar en asuntos de esta índole, no se hará esperar la conversión de tan fausta idea en realidad, de lo cual, como buenos patriotas, nos congratulamos.
Esta restra de retallos xornalísticos, contemporáneos á ditadura de Primo de Rivera (1923-1930), testemuñan a temperá vocación de Francisco Varela Garrido pola “cousa pública”.
Continuará...
* Este texto foi publicado no Faro de Vigo-Terra de Montes (1-11-2015).
1 Ou Camba de Figueiroa.
2 E, probabelmente, no xornal pontevedrés El País.
3 Xoán Xesús González (1895-setembro de 1936), natural de Cuntis, avogado, mestre, xornalista, escritor e político socialista, foi fusilado polos fascistas no resío do cemiterio de Boisaca (Compostela).