Calros Solla
Na páxina 153 principia a narración do triste destino do republicano Xosé Mexuto Bernárdez, veciño de Cangas. Acusado de “comunista que no da la cara”, Xosé Mexuto foi confinado no campo de exterminio da illa de San Simón: “Había allí unos mil ochocientos presos, casi todos ellos reos del mismo delito, comunistas “de los que no dan la cara”, es decir, hombres de espíritu liberal, enemigos de la violencia y la arbitrariedad. Su causa se instruyó con las de otros veintitantos vecinos de diversos ayuntamientos de la provincia de Pontevedra. Se le condenó a muerte, naturalmente. Fue fusilado en Pontevedra mismo el día 15 (foi o día 27) de julio de 1937 junto con José Meis Fernández, Francisco Varela Garrido, José Gallego Nogueira y Antonio Fernández Fernández”.
O día 20 de xullo de 1936 os franquistas declaran o estado de guerra en Pontevedra. De mañá, Francisco Varela Garrido, secretario interino do Concello de Cerdedo, baixa á capital na procura de noticias. Na Deputación, o gobernador civil de Pontevedra Gonzalo Acosta Pan desígnao delegado gobernativo en Cerdedo. Ás tres da tarde, Pancho Varela, torna a Cerdedo e entrevístase en Fondós (Quireza) co alcalde Luciano García Ventín. O alcalde deixa nas súas mans a organización da resistencia. Xa en Cerdedo, Francisco Varela Garrido preséntase no cuartel da Garda Civil e transmítelle ao cabo a directriz de “pórse ás súas ordes” co fin de baixar a Pontevedra. Sen demora, solicítalle ao mestre Francisco Varela Buela, don Paco, que redacte un bando co propósito de xuntar voluntarios armados para acudir á capital en defensa da República. A requirimento de Xosé Mª Lavandeira Durán (porteiro do Concello), o chamamento execútao David Paz Cachafeiro a toque de corneta. A seguir, Pancho Varela pídelle ao mestre Luís Toimil Ferrer que poña o seu aparato de radio a disposición da causa, para estar ao tanto dos acontecementos.
Atendendo as instrucións recibidas e firme nas súas conviccións, Pancho Varela tentou conxugar, na súa xurisdición, o restablecemento da legalidade democrática co mantemento da orde pública.
Pontevedra cae en poder dos franquistas. Perdida toda esperanza e refusando un inútil derramamento de sangue, Pancho Varela depón as armas e abandona Cerdedo. O escondedoiro do Outeiro das Aveas (no monte do Seixo) proporciónalle agocho durante uns días. Comparte acubillo cos irmáns Bugallo Valiñas (Severino e Sabino). Despois, decide dirixirse cara ao Carballiño, Ourense, Verín, Puebla de Sanabria e Zamora, aloxándose en diversas fondas.
O día 5 ou 6 de agosto chega a Monleras (Salamanca) no coche do seu sobriño Ramón Cachafeiro, contratista de obras, hospedándose na fonda “La Tomasa”. Tentando pasar desapercibido, sincérase co boticario local que o acabará traizoando.
Delatado polo boticario, foi detido o 2 de setembro de 1936. A Garda de Asalto comísalle, entre outros efectos, unha carta da Sociedade Española de Armas e Municións de Eibar, a credencial de candidato a compromisario e unha carta remitida por un camarada da Cañiza (21-2-36), encabezada co saúdo “Salud y República roja”. Pancho Varela aduce que está pasando unha tempada en Monleras para restablecerse dunha doenza pulmonar, porén, a súa intención era cruzar, canto antes, a Portugal.
O auto de procesamento (1-10-36) proporciónanos o retrato dun home asoballado pola súa condición de fuxido e pola súa estadía en prisión (cotéxese coa fotografía): “Talla un metro ochocientos milímetros, pelo negro ligeramente caneado, cejas al pelo, ojos hundidos, color castaño, faz angulosa, nariz recta grande, barba prominente regularmente poblada, tiene un lunar en el pómulo izquierdo color castaño con algunos pelos”.
O xefe da Garda Civil de Pontevedra acusouno de “comunista perigosísimo”. O crego de Cerdedo, de “dirixente e propagandista da Fronte Popular”. Dous dos seus veciños (significados dereitistas), de “dirixente das masas socialistas” e “de inducir ao envelenamento ideolóxico dos veciños de todo o concello”. O boticario, malmetido a confidente, afirmou na comisaría de Salamanca “que mandaba en Cerdedo unha columna de dez mil homes armados con escopetas e pistolas” e que tiña no seu poder “unha pistola de vinte e dous tiros”.
Recluído un ano no cárcere de Pontevedra, Francisco Varela Garrido (canda o mestre Francisco Varela Buela don Paco) foi xulgado nesta cidade en consello de guerra por rebelión militar o 16 abril de 1937 (La Libertad, 5-5-1937). O tribunal declarouno culpábel “coa agravamente de perversidade” e sentenciouno a pena de morte, sendo executado en Monteporreiro (Avda. de Bos Aires) o 27 de xullo dese mesmo ano. Actuou de avogado defensor o tenente do 15º Rexemento de Artillaría Lixeira Xulio Conde González que, malia estar todo atado e ben atado, obrou con dignidade. Os verdugos rexistraron o seu falecemento como resultado dun colapso cardíaco.
Velaquí o texto inculpatorio da sentenza (causa nº 1.306): “Resultando: Que el procesado en esta causa, Francisco Varela Garrido, secretario interino del ayuntamiento de Cerdedo, significado socialista y propagatista de tales ideas, se traslada desde aquella aldea a esta capital a enterarse del Movimiento Militar iniciado en África por el Generalísimo Franco y, entrevistándose en el Gobierno Civil con las autoridades del Frente Popular, recibe el nombramiento de delegado gubernativo, trasladándose rápidamente a Cerdedo en donde, en unión de otros, organizó la rebelión en aquella comarca para lo que procede la detención de personas de significación derechista, requisa armas y vehículos así como aparatos de radio y organiza partidas de paisanos armados para que se dirijan a Pontevedra a enfrentarse con las fuerzas del ejército”.
Esoutros colaboradores aludidos na sentenza de Pancho Varela eran: Luciano García Ventín (alcalde), Francisco Varela Buela (mestre, redacta a máquina o edito de requisa de armas), Ramón Cachafeiro (sobriño de Pancho), Manuel Gamallo Bugallo (concelleiro), David Paz Cachafeiro (corneta que anunciou o bando do requirimento de armas), Xosé María Lavandeira Durán (porteiro da Casa do Concello), Casimiro Cortizo, Xosé Torres Paz (escribente do Concello) e Secundino Bugallo Iglesias (Sociedade de Obreiros e Agricultores “El Trabajo”).
O tribunal encausará mais non achará motivos abondos para procesar a Luciano García Ventín, a Ramón Cachafeiro, a Manuel Gamallo, a David Paz e a Xosé María Lavandeira, porén, serán vítimas, pola calada, da represión. O mestre Luís Toimil Ferrer padeceu expediente de depuración (tres meses de suspensión de emprego e soldo).
En paradoiro descoñecido, Casimiro Cortizo, Xosé Torres Paz e Secundino Bugallo Iglesias son declarados rebeldes. Xosé Torres Paz (PSOE) será “paseado” na estrada Pontevedra-Santiago (Alba) o 11 de agosto de 1936. Secundino Bugallo Iglesias (CNT) será “paseado” na Ponte do Barco (Pedre) o 13 de agosto de 1936.
Respecto ao vivido en Cerdedo, escribiu oportunamente Dionísio Pereira (op. cit.): “Cos asasinatos e persecucións, os novos detentadores do poder procuraron reducir a cidadanía máis consciente á categoría de súbditos, e que ese carácter exemplarizador da represión perdurara no tempo. Así aconteceu no futuro, pois, en palabras de Roxelio Arca, “aquí ninguén moveu máis a orella””. Roxelio Arca Rivas, canteiro e miliciano anarquista falecido en 2010, era fillo de Francisco Arca Valiñas, labrego e cenetista de Cerdedo asasinado polos fascistas de Cerdedo en agosto de 1936.
Alí onde asasinaron a Pancho Varela, na pontevedresa avenida de Bos Aires, á beira do Lérez, inaugurouse o 12 de novembro de 2006 un monumento na honra das vítimas do franquismo, cuxa inscrición di: “A todas as vítimas da represión franquista. Aos homes e mulleres que defenderon as liberdades e os dereitos nacionais de Galiza”. En Cerdedo calan e, polo tanto, outorgan.
Venceron, mais non convenceron. Francisco Varela Garrido, cuxas cinzas repousan no panteón familiar de Cerdedo, vén sendo o avó do querido Fernando Salgado Varela, escritor, xornalista do Diario de Pontevedra e membro do colectivo cultural e ecoloxista Capitán Gosende.
De caste lle vén ao galgo. Fernando Salgado naceu en Cerdedo o 7 de setembro de 1959. Ignorando a pasado político do seu avó, integrou as candidaturas de Izquierda Republicana nas eleccións xerais de 1979. Hoxe, co libérrimo exercicio da súa profesión, dálle continuidade ao labor emprendido polo seu devanceiro. “Imos estando por aquí, levamos séculos aquí, neste sen norte...”.
* Faro de Vigo-Terra de Montes (22-11-2015)