Xoán Carlos Garrido
Relatounos Sabino Torres como ao lle preguntar a seu pai estrañado porque lle publicara o libro “La medicina popular en Galicia” no 1949, este confesoulle que lle debía a vida; entendemos entón tamén porque Fermín Bouza Brey lle fixo o prólogo logo de saber das negociacións e xestións naqueles días mouros para salvar a seu pai e irmán, e a todas as persoas que puido.
Xosé Álvarez fainos un retrato exhaustivo no seu blog “Pontevedra nos anos do medo” concluíndo: “Odiado polas vítimas, repudiado polos seus correlixionarios, a súa figura solitaria no antigo cafetín da Alameda é lembrada por moitos pontevedreses”.
Vitor Lis paseábase polas rúas da cidade do Lérez e polos imaxinarios da represión en Galiza como o prototipo de vitimario, ao que nos gosta crer que acabou infeliz e só rodeado dunha atmosfera de temor e amizades obrigadas, que quizais nos leve ao erro de despachalo como anomalía ou espurio ao propio réxime. Mais pouco a pouco fomos sabendo do caso de Alberte Martínez Tiscar.
O primeiro libro que dou conta da represión, tras do cal intuímos a pluma de Luís Seoane, “La Galice sous la botte de Franco” no 1938, xa denunciaba este episodio de terror: “A pobre muller non volveu ter noticias do seu home. Non hai xa ningunha dúbida de que foi asasinado. E o cadáver non apareceu”.
Evaristo A. Mosquera achegounos máis contexto cando dá noticias na súa obra do caso do irmán desta vítima, inicialmente partidario da “nova situación”, que chegou a dicirlle: viches o que lle pasou a Bóveda, o mesmo vaiche pasar a ti. E que logo do asasinato de Alberto cambiará radicalmente até tal punto que se dedicou a “percorrer os cárceres, xustificándose ante os prohomes de esquerda detidos, a quen case lle pedía perdón polo seu pasado”. Tamén pode de ser de interese a razón que atribúen a causa deste paseo: “un antigo pucheirazo electoral”.
O caso é que nas fantasías populares que ocupaban o espazo baleiro da falla de información quedaba fixada a idea deste paseo a unha persoa que non era de esquerdas, senón todo o contrario, atribuíndoo á falanxe como xente que ía por libre, e aventurando que a explicación a non aparición do cadáver é que este se atopa no fondo do mar. Por iso sorprendeume cando un parente dos Tiscar me chama ao coñecer as miñas pescudas nos arquivos militares e me pide se puidera indagar sobre o seu familiar. Eu xa lle anticipo que dificilmente pode atoparse algo cando esta documentación dá conta da represión formal e “legal”, e tampouco sabería como buscar. Porén de súpeto topo coa causa 440/1940 co nome Alberto Martínez Tiscar.
Esta causa é incoada a instancia do seu irmán Felix, e é apoiada por este na folla de servizos que presenta a favor do golpe. Mais nela queda demostrada que Alberte foi sacado da súa casa o 5 de setembro do 36 pola Garda Civil co visto bo do Gobernador Civil Macarrón Piúdo, e non por ningún corpo paramilitar ou informal. Queda probada que a orixe desta orde está no propio Vitor Lis Quibén (“de este que no quede ni rastro”), topamos a confesión dos que obedeceron dita orde da execución en Bueu e o ter botado o seu corpo á ría. E aínda así a sentenza inicial poñía literalmente: “Que no resulta debidamente justificada la perpetración de delito alguno”. Diante de semellante aberración alguén corrixe a lapis: “Que [aún cuando] resulta debidamente justificada la perpetración del delito... [no puede concretarse responsabilidades a exijir contra persona determinada”. En calquera caso o resultado é o mesmo, o sobresemento da causa.
Esta documentación acredita a complicidade de todo o sistema xurídico-político do franquismo nos crimes e na súa legalización, e deixa en evidencia que Vitor Lis non era un asasino illado e abandonado polo favor oficial. E, en definitiva, sobre estas bases xurídicas e morais é sobre as que se construíu o actual réxime que ten a gala ser evolución pacífica e lóxica do anterior.
* Publicado no Sermos Galiza, Afondo. 11 de agosto de 2016. Número 150