MANIFESTAMOS:
- Pensamos, firmemente, que está fusión foi feita sen ter en conta ós veciños, sen dar a necesaria información, sen facer informes de viabilidade (informes de prestacións de servizo, económicos…), sen facer auditorías externas sobre a situación dos concellos …., en fin, sen facer todo o necesario para iniciar un proceso de fusión como este.
- Unha das poucas razóns que se nos da desta fusión e a grave crise demográfica de Cerdedo e Cotobade, isto é, perda poboacional e saldo vexetativo negativo (envellecemento da poboación). Argumentan que o pasar de 5.000 habitantes subimos de escalafón e temos máis axudas. Pois ben, dende aquí dicimos, tendo en conta a velocidade a que baixa a poboación nestes dous concellos dentro duns anos a poboación baixará, outra vez, dos 5.000 habitantes. O que pasará entón é que, teremos o orzamento que agora ten Cotobade pero para Cerdedo- Cotobade, un Concello que sería case tan grande en superficie como Santiago de Compostela. Se agora non se pode manter Cotobade, como se vai poder manter Cerdedo-Cotobade?
- Outra das razóns que se nos da é o Fondo de Fusións da Xunta que repartirá 2,2 millóns de euros entre concellos que inicien este proceso no primeiro semestre de 2016. Ben, en canto a isto, primeiro, para recibir esta axuda de 2,2 millón da que nos falan os alcaldes teríamos que ser os únicos en fusionarnos, de haber outras fusións repartiríanse cos demais concellos que fagan fusión. Segundo, a fusión non garanten a poboación actual e moito menos o seu incremento, o que fai que non sexa viable a corto prazo.
- Ademais, fálasenos do aforro que suporía a fusión. Nos folletos de información que ambos concellos lle dan ós veciños, en moitos puntos fálannos das ideas pero acaba co “aforro por determinar”, trátase duns folletos que aportan escasa información e que non concreta nada. Como se vai a aforrar se ata 2019 vamos a ter unha xestora de 20 persoas, con un alcalde e un vicealcalde e cos dous concellos abertos? Para o 2019, se chega a subvención, xa non quedará nada dela. Por outra parte, nestes folletos exponse que nun principio a capitalidade vai a estar en Carballedo, nun principio, e despois que?
- Cerdedo e Cotobade nin sequera pertencen a mesma comarca nin o mesmo partido xudicial. Jorge Cubela afirma que o partido xudicial de Cerdedo- Cotobade será Pontevedra, pero, o certo, é que iso non está nas súas mans. O normal sería que o partido xudicial fora Pontevedra ó ser Cotobade o concello de maior poboación. Sen embargo, o partido xudicial de A Estrada periga si perde a Cerdedo e non está tan saturado como Pontevedra, polo que é perfectamente viable que por razóns de un efectivo funcionamento dos xulgados o novo partido xudicial sexa A Estrada.
- Por outra parte, aínda que os alcaldes de Cerdedo e Cotobade garanten que os centros de ensinanza, centros de saúde… van a seguir todos abertos e funcionando igual, o certo é que tampouco está nas súas mans. É algo que non depende de eles se non de estancias superiores polo que, non podemos estar seguros destas afirmacións. Tendo en conta a velocidade á que baixa a poboación é probable que nuns anos non se cumpran co mínimo de persoas necesarios para manter todos estes servizos.
- Para finalizar, se tan boa é a fusión, se todos son vantaxes e ningún inconveniente como nos din, a pregunta que procede é a seguinte: por que se están convencidos das vantaxes de esta fusión, é tendo en conta que levan dous anos negociando isto, non reflectiron está posibilidade nos seus programas electorais de fai tan so uns meses? Por que non defenderon naquel momento esta decisión? Non nos parece de recibo usar a maioría que obtiveron nas elección de fai uns meses para levar a cabo algo tan importante, que nin sequera estaba recollido en ningún dos programas electorais dos alcaldes. Polo tanto, se tan boa é a fusión porqué non fan unha consulta popular para dar opción a participación cidadá.
Por todo isto, por todas estas preguntas sen contestar, por todas as dúbidas que non nos saben resolver os nosos alcaldes, pola forma na que se levou a cabo este proceso de fusión
EXPOMOS:
O noso desacordo coa fusión de Cerdedo e Cotobade por considerar que é unha decisión que prexudica gravemente a Cotobade e a Cerdedo e
PEDIMOS:
Que se paralice esta fusión delirante e interesada.
En algo tan importante os veciños teñen que ter voz e ser oídos.
Para nós Cerdedo- Cotobade non é viable.
Para rematar, animamos a todos os veciños de Cotobade e Cerdedo, tanto persoas como organizacións e asociacións de calquera tipo ou ámbito a unirse a plataforma veciñal “Non á fusión Cerdedo- Cotobade”, para loitar xuntos contra esta decisión que, consideramos, prexudica o futuro de Cotobade e Cerdedo sometendo a estes concellos a unha morte lenta.