Xoán Carlos Garrido
Manuel Coto Chan foi un dos milleiros de cidadáns que fuxiron ao monte para salvar a vida. Tivo coñecemento de que ía ser paseado. Colleu o indispensábel para sobrevivir uns días, pois pensaba que a cousa ía volver á normalidade, e entre outras cousas acordou levar consigo o caderno de sanidade da carnicería que rexentaba. Neses papeis foi apuntando as súas vivencias durante dous anos e catro meses acochado.
A primeira vista poida parecer doada a vida no monte, moi bucólica e romántica. Pero a imposibilidade de facer lume, a dificultade de atopar alimento, as inclemencias do tempo, e sobre todo, a persecución implacable a que eran sometidos, só sabe dela quen a vive e así a reflicte. Mais iso que é inviable doutro xeito dá conta da inmensa solidariedade que xera para poder efectivizarse. Cando cae Manuel Coto, son detidas multitude de persoas, sobre todo mulleres, 13 en total.
No diario Manuel Coto vai deitando as súas esperanzas iniciais que se van transformando en desánimo e decepción, a lembranza dos camaradas caídos, a angustia polos seus fillos abandonados, o amor en tempo de odio.
É un texto que cheira a autenticidade e que nos transporta a unha conciencia ética que foi perseguida e destruída pola transición que nos deixou no seu sitio a impunidade inmoral. Aqueles valores que movían aos que se lanzaron a defender a lexitimidade democrática fronte aos facciosos e usurpadores eran ouro que debera ser recoñecido. Un ouro máis valioso que ningún diñeiro co que se compraron moitos silencios. Coto escribiu o diario para que fose lido. A súa familia así o entendeu e así apoiou que, a pesares das referencias persoais, este documento fose socializado e accesíbel a todos. Cantos documentos coma este foron queimados por medo ou por desvergoña de quen non respectou a vontade de quen os escribiu.
Coto finalmente foi detido polos fascistas e Gardas Civís que asediaron o lugar no que se atopaba xunto con outros fuxidos. Nesa intervención asasínase a un dos seus correlixionarios, Hixinio Carracedo Ruxo, e a el tortúrano e lévano atado para arrastralo polo medio da vila como se fora un trofeo. É condenado a morte, mais a súa pena conmútase pola de traballos forzosos que non foi máis que outro xeito de matalo, quizais mesmo máis cruel. Ao pouco de liberalo, polo seu deterioro de saúde, morre na Estrada en 1946.
As súas breves notas son reflexións que parten desde unha mentalidade socialista construída en base a fe no progreso e na razón. Polo cal non lle cabía dúbida de que era imposíbel que a historia decorrese en dirección contraria. A inquisición quedara no pasado. O integrismo relixioso xa non tiña cabida nunha sociedade secularizada moderna. Os dereitos conquistados polos traballadores son irreversíbeis. E, xa que logo, o trunfo era certo.
Na noite do 25 ao 26 de xaneiro do 38 produciuse na Galiza un fenómeno meteorolóxico singular que recentemente se repetiu e que non se coñecía que pasara con anterioridade. Refírome a unha aurora boreal. O ceo puxérase roxo e coto escrebe: “A noite pasada, viuse un gran reflexo de luz vermella, que se proxectaba desde o mar cara as montañas desta bisbarra. Subín ao monte, a iso das dúas da mañá, para ver o que era e supuxen, como máis tarde se confirmou, que eran reflectores dos nosos barcos de guerra, que están vixiando estas costas e dise que farán un desembarco dun momento a outro, para derrotar a estes bandidos. Virán pronto? Canto tardan! Non vexo o momento de que cheguen para enrolarme nas súas vangardas e dar a vida, se é necesario, loitando heroicamente para defender as liberdades de nova “Republica Socialista Ibérica”. Mais lamentablemente non eran as luces da frota republicana realizando o desembarco polo que Castelao tiña insistido a Largo Caballero. Era a evidencia de que a historia non ten un sentido determinado senón que é o ser humano o que ten que darllo. Coto aprendeu a lección e así permite que desta volta non nos collan desprevidos se así llo facemos saber aos demais a través de publicacións coma esta.
Presentación do libro "Memorias dun proscrito" de Manuel Coto Chan
A Asociación Cultural “Vagalumes” presenta o libro “Memorias dun proscrito” que é froito do seu traballo de investigación e recollida e editado polo servizo de publicacións da Deputación de Pontevedra.
Neste libro recóllese a tradución do manuscrito realizada por Clara Iglesias Cortizo, acompañada dos traballos introdutorios e de contextualización do historiador Marcos Borrageros e de Adrián Coto, bisneto do autor do diario. Marcos Borrageros fai unha cronoloxía biográfica e reconstrución da situación na que se dan os feitos e Adrián Coto céntrase máis na reflexión desde o silencio rachado na familia para saber do seu bisavó, e da toma de conciencia que isto representou para el sobre a necesidade de coñecer o propio pasado que nos foi negado.
Engádese ademais unha recreación ficcionada do escritor David Otero que achegando anécdotas e novas informacións orais permite revivir literariamente as peripecias e pensamentos de Manuel Coto Chan.
Montse Fajardo, xornalista e escritora, interviu para lembrar a importancia das políticas públicas de memoria e recordar os proxectos que se viñeron facendo desde o organismo provincial na que ela tivo ocasión de colaborar.
O sábado 26 ía realizarse un roteiro que comezaría na casa en que Coto Chan estivo fuxido, situada na aldea do Pazo (Cuntis), e que remataría no penedo en que se resgardou no cumio do monte Xesteiras. Este roteiro aprazouse por mor do mal tempo.