Son moitas as facetas que cultivou este egrexio estradense, e desde a Asociación Cultural “Vagalumes” quixeramos lembrar e dar continuidade a todas elas, especialmente coincidindo co aniversario do seu pasamento. De aí que este ano dediquemos unha xornada a tratar o seu traballo de investigador do noso patrimonio.
A recollida, inventario, conservación e difusión do noso patrimonio material e inmaterial foi unha inquedanza constante de Olimpio Arca. O seu inmenso traballo na nosa comarca fixo posíbel a recuperación e estudo das nosas tradicións, da nosa riqueza arqueolóxica, da historia local, etc... e por iso quixéramos recordar e, tamén, proseguir este labor. Con este fin celebraremos unha mesa redonda o vindeiro venres 27 de xaneiro ás 20:30 h. no salón de actos do Museo da Madeira e Móbel (Mome) da Estrada (Av. Benito Vigo, 104). Intervirá neste acto Carme Sánchez Aríns, Xosé Fuentes Alende, Heitor Picallo e Xosé Manuel Nogueira, que tocarán as diversas dimensións do traballo desenvolto por Olimpio Arca neste ámbito así como a avaliación da situación actual do patrimonio na nosa comarca e o debate sobre as proposta de actuación.