Desde o Colectivo Portalén queremos facer público o noso rexeitamento a este parque eólico e aos que se pretendan construir no futuro polos seguintes motivos:
A conversión dos nosos montes en instalacións industriais para a produción de enerxía eléctrica non supuxo ningunha mellora na situación dunha comarca que leva décadas a agonizar. Os únicos que se benefician dos parques eólicos en Terra de Montes son as empresas alleas á nosa terra que os explotan (neste caso Enel Green Power) ou que especulan conprándoos e vendéndoos.
Tamén se benefician os caciques que utilizan o seu poder para sacar tallada (como é ben sabido no caso do Monte do Seixo). Mais cal é o beneficio real para a maioría de veciñas e veciños? Que gañamos cedendo os nosos montes a empresas que non teñen ningún vínculo con nós? Porque nalguns casos (como no concello de Muras) os impostos municipais ingresados dos parques eólicos son utilizados para pagar as facturas da luz das familias. Aquí que fan os gobernos municipais para que polo menos haxa algunha compensación real? NADA, só actúan de colaboradores das empresas.
Os nosos montes teñen potencial para crear riqueza e traballo, como demostran os exemplos das comunidades de montes que conseguen levar adiante proxectos interesantes e con futuro. Non podemos regalarllos ao primeiro que aparece a cambio de esmolas, moito menos podemos tolerar que se expropien grazas ás facilidades que a Xunta dá ás multinacionais para ocupar a nosa terra, destrozala e logo marchar.
Valorar os nosos recursos e buscar a maneira de lles sacar partido é a única forma de dar a volta á desertización e ao abandono do rural. Inzar os montes de parques eólicos non vai solucionar os problemas e máis ben pode agravalos porque esas instalacións industriais poden dificultar ou imposibilitar outras alternativas pensadas e levadas adiante pola xente que vivimos aquí.
E todo o que levamos dito tampouco nos pode facer esquecer outros problemas dos parques eólicos como os ambientais (incendios, danos á fauna, etc.), a destrución de patrimonio histórico ou os prexuizos para eventos como a Rapa das Bestas de Sabucedo.
A produción de enerxía ten que basearse en proxectos comunitarios, controlados pola veciñanza, destinados ante todo a satisfacer as necesidades locais e que non supoñan unha agresión ao monte; e o modelo actual de parques eólicos é o contrario: espolio, arrase e roubo do monte sen beneficios reais para a xente. Non o consintamos.
Colectivo Portalén