Xohán Xesús González naceu en Sebil (Cequeril – Cuntis) en 1895 e traballou de canteiro. Trasladouse a Compostela onde estudou dereito e gañou un nome no mundo do activismo político, sendo impulsor e fundador de numerosas iniciativas en practicamente todos os eidos: dende a docencia ao xornalismo pasando polos ámbitos culturais e mesmo sindicais. Tralo Golpe de Estado de 1936 púxose á fronte dun grupo de cincuenta obreiros de Teo, coñecido como O Terzo de Calo, que se dirixiron cara a Compostela para defender a legalidade republicana. Naquel fatídico verán o cuntiense foi apreixado e permaneceu na prisión ata que o 12 de setembro foi fusilado en Boisaca.
‘O canteiro de Sebil‘ conta coa participación de caras ben recoñecidas do teatro, a música, a política e a sociedade galegas. Ademais, e como un dos seus principais valores, conta co testemuño de veciñas e familiares do propio Xohán Xesús González. O recoñecemento desta figura convérteo nunha das referencias tanto da comarca como de todo o País no que atinxe á Memoria Histórica.
A presentación do documental de Xohán Xesús González continuará despois da súa primeira parada. Séguense pechando datas pero están xa confirmadas as das principais cidades: Compostela, Ourense, Pontevedra e A Coruña.