Calros Solla
Ríos de tinta discorren avoltos estes días no dilucidar da correcta escenificación na Galiza da efeméride do primeiro de novembro (magosto, defuntos, samanos...) cuxa versión lúdica segue a gañar seareiros.
Súmase o presente artigo á reste dos xa públicados, coa única pretensión de vindicar o magosto (a mellor das denominacións posíbeis) como unha das nosas máis entrefebradas tradicións. A Galiza dos 4.000 cemiterios, Galiza necrofílica, bretemoso país dos mortos, tumba exquisita, meta de todos os camiños, pórtico e catapulta ao Outro Mundo.
Apenas direi nada da vertente cristiá da festividade, pois é ben coñecida por todos: camposantos nun bulir de xente; tropel de vivos enfrascados en deixar constancia de que vimos sendo de alguén e que, mentres esmuxique a acordanza, non se ha consumar a verdadeira morte.
A maiores, oportunidade de negocio para florarías e cereiros e, no tocante á Igrexa: "Kirieleisón, kirieleisón, veñán os cartos pró meu bolsón".
Na Galiza, a morte, e en concreto os mortos, non se deixan acoutar ás calendas de novembro. Ao longo de todo o ano, os galegos da cerna temos presentes os seres queridos, acudamos ou non perante a cova na que xacen os seus despoxos e, asemade, asumimos a nosa propia extinción con resignado "fair play". Os defuntos, estean onde estean, permanecen á nosa roda, moran con nós, aconsellándonos ao seu xeito, compartillando a angueira cotiá dende o plano dimensional no que se teñan instalado.
"Mañá, miña filla fai a Selectividade, voulle pór unha candeíña a súa avoa para que a guíe ben", velaquí unha das innúmeras e acaídas pasaxes recollidas nos meus parrafeos por Cerdedo adiante. Así mesmo, podo dar testemuño da existencia de domésticos relicarios nos que, exentos de estampas ou figuriñas de santos, arden candeeiros, cirios, "mariposas", solicitando a mediación dos ausentes: os mortos de confianza, os defuntos venerados.
Os nosos mortos acadan a categoría de pequenos deuses facedores e compoñedores. A súa omnipresencia é apreciada: "Abofé que túa irmá che está a rir dende o ceo"; "Aos defuntos da casa moito lles agrada que mires pola habenza". A súa omnisciencia, temida: "Mira ben o que fas, en vida do tío nunca se ordenou vender esa veigha"; "Eu sempre lle oín á finada da túa nai que desexaba ser enterrada canda teu pai, no nicho de baixo. De non cumprirdes a súa vontade, ao mellor ténvolo en conta".
Antano, cando a elaboración do pan, tras o amasado e antes de enfornadura, raiábase unha cruz no curuto de bolas e moletes, ao tempo que se pronunciaba o ensalmo: "Benia a quen todo nolo deixou!", aludindo os antepasados que fixeran por transmitir non só os seus haberes, senón tamén a sú sabenza. O delicado proceso da coza do pan, alimento indispensábel, púñase, daquela, nas mans propiciatorias dos defuntos.
Crese en Cerdedo que, de non peregrinarmos en vida ao Santo André de Teixido (Cedeira) -a uns 200 km de distancia-, deberemos facer a romaxe unha vez mortos, en cumprimento dunha inexorábel encomenda expiatoria. Cadaquén emprenderá viaxe transmutado nun ser cuxas calidades han equivaler ás demostradas pola persoa durante a súa estadía no mundo: croios, lesmas, formigas, saltóns, pintas, lagartos, serpes, ratos... en longa e vagarosa fileira cara aos cantís da Capelada.
Dende Cerdedo, a ponte medieval da Pontapedre e a romana de Parada son pasadeiros obrigados cara a Teixido. Agóiranselle, xa que logo, penalidades a quen ouse magoar as criaturas que transitan estes lugares.
Así e todo, entre a humana xente, feita a lei feita a trampa. Uns poucos privilexiados provéronse dun singular elemento exonerante: a cruz de santo André, raro amuleto valedor que exime o propietario de adiar indefinidamente o seu ingreso no ceo. Coa cruz de santo André no peto evítase renderlle visita ao santo de lonxe.
Os mortos, upados na súa intanxíbel atalaia, de precisaren algo dos vivos ou de observaren inxustiza, non se aquietan e fan por manifestar o seu incomodo empregando os máis diversos procedementos. A canle habitual é a dos soños: "Onte soñei coa defunta da señora Decorosa; acenábame dende a ventá da súa casa. Algho pide, voulle ter que ir paghar una misa".
Non se lles ten medo aos mortos, senón á súa subitánea aparición, aínda que fosen persoas de estima. En Cerdedo, amais da vía onírica, os defuntos fanse visíbeis aos pés da cama do dormente. Eis os "chantóns", visións pantasmagóricas que, sen mediar palabra, interrompen o noso sono para requirirnos algún favor ou advertirnos dalgún perigo. Convén descifrar o seu mandado, emporiso, non poucos se valen de amuletos neutralizadores (ósos ou cinza de cadáveres) para escorrentalos. É ben certo que non hai mellor cuña ca a da mesma madeira.
Resístense os recén-falecidos a abandonar a dimensión terreal e vadían polo aquén asumindo a morfoloxía de insectos, mormente abellas ou avelaíñas (bolboretas noitevas), co aquel de se ben despediren ou para informar da súa nova situación: "Quen mata unha abella ten cen anos de pena".
A avelaíña branca representa a alma en graza de Deus que volve para pór en coñecemento do clan o seu beatífico estado. A avelaíña negra expresa na cor das ás o lastre que lle urxe purgar. Ambas as dúas degoran a luz redentora e, saudosas, revoan arredor das lapas ou mallan insistentemente contra as lámpadas. O seu buligar tamén debe ser respectado.
Con frecuencia, os moribundos, conscientes ou non da súa sorte, anticípanlles aos íntimos o seu inminente pasamento, dando lugar aos reiterados episodios de "morte presentida".
En noites propensas (verbigracia, as do mes de Santos), unha procesión de espíritos penantes abandona a lentura do camposanto e galga ingrávida polas corredoiras, atravesando pontes, peares e encrucilladas. O fúnebre cortexo da Compaña, que en Cerdedo tamén se coñece por Pantalla, é o heraldo da Morte. O séquito espectral, integrado por entes desposuídos da vista, válese dun vivo enmeigotado que, portador da luz, guía o séquito funesto deica á porta do escolleito.
Se algún mortal bater coa Pantalla, cómprelle sen dilación -e sen afastar do chan o dedo ou o pau? riscar un círculo ou unha pentalfa (o risco de Salomón), podente talismán que manterá o camiñante a salvo da súa nefasta influencia.
É ben sabido que cando a Pantalla rolda a congostra do Rapenlo, entre as aldeas de Cavenca e Meilide, o muíño das Raposeiras vale de acubillo, xa que na súa porta foron labradas tres estrelas de cinco puntas.
Chova, neve ou vente, veño acompañando dende hai anos os romeiros da Montaña Máxica, agás no mes de Santos, no magosto. Non me frea o temor supersticioso, senón o respecto á pragmática tradición. En boa hora foime transmitido que, nesta altura do ano, a inefábel Portalén activa as súas potencias, converténdose en alfándega do Máis Alá. Mentres non precise o consello dos que todo o saben, evitarei franquear o portelo durante o magosto.
Malia que decimado o cadro de informantes, aínda é posíbel en Cerdedo xuntar retallos da memoria infantil verbo da talla dos calacús, lecer de nenos. Os cabazos, baleirados da polpa, grotescamente humanizados, esparexíanse polas corredoiras, abandonábanse ao pé dos cruceiros; pousábanse nas solainas, nos linteis dos portais, nos peitorís das pontes; nos lugares máis insospeitados. A rapaciada, porta a porta, exhibíaos para requirir da veciñanza o aguinaldo que fornecía a merendola. No "vervo de arghinas", magosto dise "xavaqueiro", o mes das "xavacas" (cabazas), sendo "xaveca" a forma coa que se nomea a cabeza.
Na noite de defuntos, non botaremos porta fóra sen levar á boca un chisco de pan (pois a fame é coita dos viventes), deixaremos esmola nos petos de ánimas, absterémonos de apañar nas castañas ciscadas polos camiños, pois ben puideran ser almas transfiguradas ou ben transmitir o maléfico ar de Compaña ou de estadea. Fóra a fatídica noite, as castañas están en sazón e xaora o magosto é tempo de magostos.
Nesta noite de prodixios, espílese a comunidade de ultratumba e, obviando o deterioro, as osames fan por se encastar de novo. Unha turma de esqueletos chimpa fóra dos cadaleitos para danzar donairosos ao son das campás de medianoite ou parolar amigábeis á luz do lume mol (fogos fatuos).
Nada aprendemos da mercadotecnia ianqui, xa que non é mais ca a corrupción desmemoriada dos nosos costumes ancestrais.
* Faro de Vigo. 24-11-2013