Calros Solla
Dende A Coruña, a redacción de La Noche recibira de véspera e a través do teléfono, a noticia de que, tres anos despois do paso de Foucellas por Vilariño, os forcareieses Manuel Fraiz Vilar e Ánxel López Cores estaban sendo xulgados en consello de guerra no Cuartel de Infantaría da cidade herculina (o cuartel de Atocha), acusados de colaboración coa guerrilla. O fiscal solicitaba 17 anos de prisión para Ánxel López Cores e seis para Manuel Fraiz Vilar. O seu avogado defensor, contendo o ricto do xuízo-farsa, alegou que “habían obrado a impulsos de un miedo insuperable”. O tamén compostelán El Correo Gallego (18-4-1952, páx. 3) elevaba a 18 os anos de cárcere solicitados polo fiscal para Ánxel López Cores. O xuízo quedaba visto para sentenza.
O xornal La Noche do 18 de abril de 1952 prosegue o relato dos feitos, indicando que os guerrilleiros (“bandoleiros”) permaneceran na casa de Fraiz Vilar até o 26 de xaneiro, é dicir, até o día seguinte. Consonte La Noche, armados de fusís e pistolas, os maquis, tras abandonaren a aldea de Vilariño, dirixíronse a Soutelo de Montes onde, na anoitecida do día 27 (18:00 h), déronlles morte aos mestres locais José Couceiro Taboada e a súa dona María Constenla Fariñas (no xornal consta María Constenla Paz). Este relato dos feitos tentaba xustificar a avultada pena solicitada polo fiscal para Ánxel López Cores, sobre quen recaía a acusación de informador da guerrilla.
Engade La Noche que, días antes do seu asasinato, os mestres de Soutelo déranlle pousada na súa casa a un peregrino “de cuya personalidad se duda, pues advirtieron como daba vueltas a un cuadro de José Antonio colgado en la pared”.
Non somos quen de precisar se o peregrino revirou o retrato do paladín falanxista ou o pendurou coa cabeza para abaixo, porén, a nova sérvenos para acrecentar o mito do esmoleiro siñor Afranio de Amaral, pseudónimo do eximio galeguista Antón Alonso Ríos, quen “rispou das gadoupas da morte” valéndose da súa solercia e afouteza. Xa no exilio (dende 1939), Alonso Ríos -a canda Castelao, Villaverde e Suárez Picallo-, fundará o Consello da Galiza (15-11-1944), atinxindo a súa presidencia tras o falecemento do irmán Daniel (1950).
Tornemos ao asunto do asasinato dos mestres de Soutelo. O xornal La Noche (tamén El Correo Gallego) atribúenlle as mortes de José Couceiro e María Constenla á guerrilla do Foucellas, datando os feitos na noite do 27 de xaneiro, porén, tres anos antes, o xornal vigués El Pueblo Gallego do venres 14 de xaneiro de 1949 (páx. 3) publicaba:
Víctima de un atentado, ha muerto en Soutelo de Montes don José Couceiro Taboada ... terrible ocasión en la que también fue asesinada su esposa doña María Constenla (lese Constante) Fariñas. El hecho, del que dimos cuenta en nuestro número del miércoles último...
Xa que logo, o asasinato debeu acontecer antes do mércores día 12 de xaneiro, ou sexa, dúas semanas antes da presenza dos guerrilleiros de Foucellas en Vilariño de Millarada.
Na devandita edición, El Pueblo Gallego publicou tamén unha necrolóxica sufragada pola Jefatura Provincial del Movimiento (páx. 4): El señor don José Couceiro Taboada y su esposa Dª María Constenla Fariñas, caídos por Dios y por España. La Jefatura Provincial del Movimiento ruega una oración por el eterno descanso de sus almas. Sotelo de Montes, 14 de enero de 1949.
A data exacta do falecemento do matrimonio Couceiro-Constenla atopámola no xornal El Correo Gallego do 26 de marzo de 1949 (páx. 2). O asasinato acontecera o sábado 8 de xaneiro.
O periódico, baixo o titular “El Estado no desampara a sus servidores”, tamén publicaba que o ministro de Facenda, “previo acuerdo del Consejo de Ministros”, tiña a honra de someter ás Cortes Españolas (outra farsa) un proxecto de lei que garantise a concesión dunha pensión extraordinaria aos orfos: consistente en el sueldo, que como maestro percibía su padre, dividido en dos partes iguales y con derecho de acrecer entre ambos a los hijos de don José Couceiro Taboada y doña María Constenla; al varón, mientras sea menor de veinticinco años, y a la hija, en las condiciones generales establecidas en el vigente régimen de clases pasivas.
O citado proxecto de lei botaba man do seguinte argumentario: en Sotelo de Montes, ayuntamiento de Forcarey, perecieron, vilmente asesinados por unos bandoleros, el maestro de aquella localidad don José Couceiro Taboada y su esposa doña María Constenla. Maestro prestigioso, el señor Couceiro era el delegado local del Servicio Español del Magisterio y jefe de F.E.T. y de las JONS en Sotelo de Montes. El matrimonio mártir, muy querido y estimado por todo el vecindario, constituía un ejemplo de verdaderos ciudadanos, cristianos fervorosos y de recto espíritu patrio. Dejan dos hijos de diecisiete y once años.
O día 7 de abril dese mesmo ano, as Cortes aprobaron o proxecto de lei e, xa que logo, a concesión da pensión extraordinaria.
El Pueblo Gallego do 23 de abril leva á portada a noticia: no Goberno Civil da provincia ritualizárase o “Socorro a huérfanos del Magisterio”. José Solís Ruiz, gobernador civil e á sazón xefe provincial do Movimiento, entregoulle seis mil pesetas a José Constenla, avó e titor dos orfos Pepe e María Teresa.
José Couceiro Taboada, o mestre de Soutelo, era natural de Ribela (A Estrada). Couceiro rematou os seus estudos de mestre de primeira ensinanza en xaneiro de 1927. Ese mesmo ano, na vila estradesa, figura integrando o cadro docente do Colexio Moderno. No ano 1931, é nomeado mestre interino da escola de Matalobos (A Estrada). En 1934, xa figura como mestre en Soutelo de Montes (Forcarei). Amais de xefe local do Movimiento en Forcarei, José Tobada Couceiro era subcabo do Somatén Armado (Guardia Cívica) de Soutelo de Montes e, segundo abondosos testemuños, protagonista nos episodios de represión vividos neste concello de Montes tras o golpe de Estado fascista de xullo de 1936.
Benigno Andrade García nacera nas Foucellas (Cabrui-Mesía) no ano 1908. O seu lugar de nacemento conferiulle o alcume. Labrego e xornaleiro, no principiar dos anos trinta colaborou na creación da célula comunista de Curtis. Cando a sublevación militar contra a República, involucrouse na defensa da legalidade constitucional e, lonxe de claudicar, botouse ao monte, chefiando cara ao ano 1941 unha partida de guerrilleiros. En 1947 encargouse da organización da V Agrupación do Exército Guerrilleiro da Galiza. Tras dezaseis anos de resistencia armada, o 9 de marzo de 1952 foi detido nun escondedoiro da Regueira, no antigo concello de Oza dos Ríos. Ferido e torturado salvaxemente pola Garda Civil, foi xulgado en consello de guerra o 26 de xuño de 1952 e condenado a morte (causa 53/52). A sentenza executouse o 7 de agosto. Con certeza, a confesión obtida baixo cru tormento referiu os nomes de López Cores e Fraiz Vilar, veciños de Vilariño, que deron cos seus ósos no cárcere. A prensa consultada imputáballe a morte dos mestres de Soutelo á partida de Foucellas, porén outros historiadores sinalan como autores do feito ao grupo guerrilleiro liderado por José Blanco Núñez Ferreirín, e outros, a un axuste de contas obrado no seo da dereita local.
Perante o tribunal que o xulgou, o propio Benigno Andrade García aduciu no seu alegato final: “En nome de Foucellas houbo moitos atracos e seguiraos habendo”. Naquela altura, froito dunha interesada estratexia de confusión, na boca do pobo os guerrilleiros antifranquistas superviventes e os bandoleiros do común andaban polo sobrenome dos Foucellas.
Antes de morrer a garrote vil, o Foucellas tentou acougar os seus fillos, Pepa e Serxio (de 16 e 13 anos), dicíndolles: “Son consciente de que morro polas miñas ideas e por defender a liberdade que eu non vou ver, mais, agardo que vós, meus fillos, a poidades desfrutar algún día”. Non houbo amparo institucional para os orfos do combatente antifascista Foucellas, tan só unha ferida que non dá sandado.