David Otero
Potenciou a aprendizaxe como disposición, como recepción consciente e así comprensivamente constructivista. Niso os afectos, as familiaridades, o de cerca, sempre foi un vínculo de diálogo, palabra da lingua nosa, a galega, por medio e na cultura para así facerse como porta de ir ás outras lingua e culturas tal complemento útil e comprensivo de coñecementos e saberes.Pero o mestre Don Olimpio , e hai que salientalo, non acoutou a súa tarefa aos límites das aulas, nin do centro, nin dos horarios oficiais. Desde sempre que eu teña noticia buscou, promoveu e mediou, a aplicación atinada do «saber facer co que se aprendía» e así o medio, a lingua, os xogos, o teatro, a historia, as tradicións, as creacións, tecéronse nunha verdadeira e primorosa interdisciplinariedade que se concretou en contidos sólidos que avalaron os saberes, as capacidades e así as actitudes positivas de quen participaron activamente co mestre na súa escola (que así me gusta dicir, escola e mestre). Velaí as mellores competencias. Celebrémolo a el coa súa familia entre todas e todos en recordo especial. Fagámolo tamén a iniciativa da AC Vagalumes. E así os chamos son para o venres vintecinco no cemiterio de Figueiroa e para o martes vintenove no Teatro Principal. Nesta data do vintenove farémolo no I Encontro de Teatro con que especialmente lle darán honra os centros educativos. Memoria sempre.
* Publicado en La Voz de Galicia. 24-11-2016