Calros Solla
Na efémera marca do solsticio, un cabalo escuro e candente galopa a fondeira bretemosa da nosa consciencia. O seu rincho e sopro son acenos de liberdade, actitude do ser que non tolera doma. O seu couce desatado é o celme de quen se rebela contra a dominación.
Delónganse os malos tempos, semella eternizarse esta nosa decadencia; mais non desmaiemos, non desfalezamos, pois cómpre facerlles ver que imos vender cara a nosa derrota.
Amañecerá, irmáns; axiña amañecerá. E na alba do día, a terra tremerá ao compás dos corazóns desbocados. Ceibaranse as nosas gorxas en mandas de lobos e o seu inxel alfabeto fenderá a noite, escudindo as constelacións.
Aquí e agora. Astros en ebulición arremuíñan o inconsciente colectivo arredor do lume orixinal. O lume que nos xerou, a lapa danzante que nos aleitou a mornura no sangue, a caldia que nos forxou, peitos aceirados, contra a desventura, contra o imposíbel, contra a loita en desvantaxe, contra o combate perdido de antemán.
Invocámoste, lumeira; labarada nova, remol da idade de ouro, magma aconchegado na pedra entrega da lareira.
Co ceo e a terra xunguidos pola raíz do sentimento, achegámonos de vagar ao intre máxico do augurio. Os barbados numes da foresta, as albariñas deidades acuáticas, os espíritos dos devanceiros téñennos de vela e teceron coa debandoira do seu alento unha rexa coiraza que nos protexe e protexerá de todo mal, de toda envexa, de todo espolio e devastación; protexeranos da velenosa picada dos mercenarios da extinción, dos liquidadores.
Esta noite, no Areal de Berres, proferirase un berro de redención, o urro da vitoria, o gozoso estrondo da turma apaixonada. Celebramos que, unha vez máis, a humilde tirafonda do Davide foi quen de fender a testa do foncho Goliat. En Berres berramos que non hai inimigo que poña en xaque un pobo unido, un pobo armado dun ideal de xustiza e fincado nunha arela de dignidade.
Neste chan sagrado do Areal, nemorosa ribeira que o pobo alerta lle devolveu ao pobo todo, congregámonos exultantes imbuídos da meiguice en cacharela.
Arda o lume e consúmanse nel as profecías catastrofistas, o desánimo, o conformismo. Somos a heroica infantaría da Galiza. No noso ADN labrouse fondo o cromosoma da endémica resistencia.
Antes ou despois axotaremos as rémoras do noso destino, e a vampírica cacicaxe será varrida pola airexa limpa da mañá. A inmundicia sublimarase en charamelas, faíscas e fumeira espallada.
Honrado coa quenda da palabra nesta noite de emoción incandescente, encrespo o espiñazo, encho o peito e tempero a voz, para recibir no escenario os abandeirados da plataforma Salvemos Catasós, afoutos gardiáns da nosa herdanza, lexítimos representantes do pobo alerta, sentinelas insomnes nas almenaras da primeira liña. A sinerxía de Catasós lidou e venceu, empeño e habelencia, as malas artes do dragón eléctrico. A terra é nosa e non de Fenosa!!!
Areal de Berres, 23 de xuño de 2017*