Na aldea de Abelaíndo, os “caretos” protagonizaban un Entroido tradicional por desgraza extinto
Calros Solla
Na parroquia de Cerdedo, a efeméride do Perpetuo Socorro é a chave dos festexos invernais. O día da patroa de Abelaíndo cae o domingo anterior ao martes de Entroido. Na capeliña aldeá non se venera unha icona de trazo bizantino, senón unha talla de madeira policromada que representa a Virxe do Socorro. O Socorro de Abelaíndo é unha nai afouta que, con semblante serio, brande coa man dereita o ás de bastos, ameazando con baixarllo ao demo polo lombo. Asemade, afasta o seu filliño do perigo, termando del co brazo esquerdo. O demo é unha criatura rasteña, cornana, bigotuda e malencarada; ármase cunha galla e desprega as ás, aboiando nunha labarada. Na escena, a Virxe torna do demo coma calquera aldeá tornaría un can danado ou unha toura veceira.
A imaxe do demo non é a orixinal. Na posguerra, o párroco don Ventura trocou a figura do Diascre pola do demóncaro actual que, no sentir dos veciños, “ten pouco espírito”. O Diascre era un demo cativo pero “respetoso” (impuña respecto, lato sensu). Era de pel rubia, nariz aquilino e bigote fino e retorto. Sorría maliciosamente, ensinando os dentiños. O crego Ventura comisou o Diascre de Abelaíndo, porque, durante a novena do Socorro, a tía Pelina, mentres varría o chan enlousado e compuña nas flores e nos panos, deixaba que os rapaces da aldea paseasen o Diascre nas “andias”, arredor da capela, en diabólica e rebuldeira procesión. O moito celo que os cativos puñan na rolda chegou a oídos do arcebispado. O fascista Ventura fixo desaparecer o Diascre porque a escultura, no canto de galla, exhibía un druídico fouciño. A ollos do abade, o demo de Abelaíndo era comunista.
O sábado da Véspera, o domingo do Socorro, o luns e o martes de Entroido, os caretos erixíanse autoridade en Abelaíndo. De mañá cedo, unha turma de xente nova, mozas e mozos “revestidos”, ao son das gaitas e dos acordeóns, choutaban e esborrecaban desordenadamente polos camiños e ruelas, reclamando viño e lambiscadas que botar ao saco. Ao tempo, coas chemineas a todo fumegar, as mulleres aprontaban nas lareiras e nas cociñas de ferro a sopa e o cocido de Entroido: verzas, repolo pechado, garavanzo castelán, patacas enteiras, carne de porco (lacón, cacheira, chourizos, morcillas...), galiña e vitela (agulla, costela do óso mainiño...) e un “ghrau de unto”. Tamén se depelicaba nas castañas, para cocelas na graxa dun chourizo. Na pedra, no cacho ou na tixola, facíanse as filloas de caldo (leite, auga de caldo, ovos, fariña e sal) e as do sangue (leite, fariña, sangue de porco, sofrixido de cebola e sal); azucre ao gusto. As filloas de sangue adobiábanse co ourego das cortiñas. Nunha cazola, ao baño María (alquimista xudía), cocíase a vincha. Na mexa do porco sacrificado polo San Martiño, debidamente saneada, inchada, atada, afumada e virada, cociñábase un amoado de pan trigo reseso amolentado con leite, ovos, fariña, manteiga de vaca, azucre, uvas pasas, reladuras de limón e unha copa de anís. Se o amoado ir ao forno nun molde de metal, elaborariamos pudin e non vincha. O xantar na casa dos parentes de cadaquén, e a sobremesa na de todos.
Polo xeral, a mocidade travestíase. Os caretos de Abelaíndo ocultaban a súa identidade baixo un retallo de tea branca (de saba ou trapo vellos) que lles cubría a cabeza ou o medio corpo. O retallo axustábase, segundo convir, ao pescozo ou ao van. A tea furábase só á altura dos ollos e, de cinguirse ao van, tamén á altura dos brazos, para poder manobrar a vontade. Os caretos masculinos toucábanse con chapeu pallizo desfiañado e os femininos, cun pano da cabeza anoado arriba. O máis da vestimenta era roupa vella, roupa estrafalaria, roupa de antes. Un gabán esfarrapado, unha gabardina galdrapeira, unha coroza..., galochas e tamancos nos pés completaban o conxunto. Os caretos armábanse con lareiros, aguilladas e forcas.
En Abelaíndo, grazas ao rico enxoval dunhas veciñas do Quinteiro de Baixo, alcumadas as Pequenas, os caretos arrequecían o seu vestiario con algunha que outra peza do traxe tradicional galego (do de diario e do de gala), naquela altura xa en desuso: dengues, saias, xustillos, mantelos...; chalecos, pantalóns, polainas... As Pequenas, Preciosa e Encarnación (anciás na posguerra), conservaban a roupa dos seus devanceiros nuns arcóns, e emprestábanllela ás amizades, ou a quen llela rogase.
O sábado de Entroido, pola noite, era tradición en Abelaíndo ir sacar nos carros, cancelas e portais. Por moito empeño que puxesen os donos na vela, o botín do Entroido amañecía amoreado na praza de Cerdedo ou ciscado polas aldeas do arredor, causando o conseguinte trastorno que, case sempre, se aturaba con resignación: “Vou coa xughaga á Pontapiñoa, que seica alá apareceu o noso carro”.
O domingo do Socorro, pola mañá, os caretos concedían unha tregua. Crentes ou non, os de Abelaíndo profesámoslle moita devoción ao Socorro. A repique de campá e estoupido de pólvora, a xente aviábase, puña a súa mellor roupa e acudía a oír misa á capela, celebrada polo abade de Cerdedo. Tras a procesión, na que tomaban parte o Socorro, o san Xosé e o Neno Xesús, poxábanse as especies (bácoros, pitos, xamóns, lacóns, arrincacravos, restras de allos e cebolas...) en prol da Santa, é dicir, en beneficio da festa do ano vindeiro. Os ranchiños púñanse á venda, engalanados con colares e grilandas de papel. Antigamente, a poxa celebrábase no interior do templo, mais, o cura acabou botando fóra os mercadores. Se a poxa se celebrar no interior, a recadación corresponderíalle á Igrexa. Bombas e fogos de sete estalos estrondaban no ceo. Pousada a imaxe do Socorro no seu fornelo e pechada a porta con tres voltas de chave, reanudábanse as hostilidades.
O domingo do Socorro e o martes de Entroido, pola noite, había baile na Regheiriña, a casa do pobo de Abelaíndo. Polo palco da Regheiriña pasaron moitos e bos músicos: dende o acordeonista Chispaneghra, natural de Deán, até o gaiteiro e guitarrista local Afonso da Reta.
Ao longo dos catro días de Entroido, prodigábanse as bromas, algunha de moi mal xorne: tanxíanse extemporaneamente as campás da capela a toque de alarma, abelloábanse “vespereiros”, entregábanse paquetes de alén mar, contendo bosta ou animais mortos... Unha farta de rir.
Con cinco aniños, na compaña de meus pais, fun por vez primeira correr o Entroido a Abelaíndo. Xantar na Aldea de Riba (na casa das Nosas, como diciamos nas Raposeiras). Á hora do café, nun resoar de chocas, irromperon na cociña media ducia de caretos. Calou a conversa. Eu, ventando perigo, metinme debaixo da mesa entre as pernas de miña nai. Aqueles caretos semellaban os xigantes da Batalla de Flores da Peregrina. Un deles desfíxolle o moño a señora da casa, mentres que outro lle desanoou a gravata ao petrucio. O cabecilla fixou os ollos en min (ou iso crin) e sinalou co dedo unha cunca baleira que, inmediatamente, se lle encheu de viño tinto. Con parsimonia, o careto achegou a cunca ao embozo e enviou uns chopos. Ao retirar a cunca da face, unha boca sanguenta, arrepiante se debuxara naquel lenzo branco. Así como viñeran, se foron; sen dar un chío. Cando os vin porta fóra, experimentei un profundo alivio. Os comensais volveron ao seu, dixerindo a tensión vivida cun grolo de herbas ou coñac e enredándose na especulación das identidades. Xurei que a partir de entón faría méritos para evitar que meus pais me volvesen ameazar coa expresión “Pórtate ben, que te vai vir buscar o careto!”, que tanto se oía na casa. O Cocón, o Zarronco, a bruxa da Carballeira, o home do saco, o Sacaúntos..., pataca miúda; nada máis estarrecedor ca os caretos.
Adeus, martes de Entroido; adeus, meu queridiño; até o domingo de Pascua non unto máis o fociño. Ao día seguinte, mércores de Cinza, aínda co bandullo cheo, os devotos acudirían a Cerdedo a que lles cruzasen a testa coa borralla.
Fronte aos cutres espectáculos de sambódromos e batucadas, promovidos polos concellos cos cartos de todos, e en paralelo ao multitudinario Entroido ourensán, eu reivindico os caretos de Abelaíndo, un exemplo extinguido de carnaval xenuíno, alleo á festa programada. Saudades de etnógrafo: alén do artificio e da promoción, o factor preservador da nosa cultura e tradicións é o pobo e, en Cerdedo, hai tempo que declina.