Manuel Igrexas
Unha multitude de 795 fugados documentados, lanzáronse cara á fronteira francesa o 22 de maio de 1938, entre eles 183 galegos. Atrás deixaron 206 mortos enterrados nos vales entre o forte e a fronteira; 14 fusilados en agosto como dirixentes. Outros 46 capturados que morrerían no forte até 1943. Só tres fuxitivos -quizais catro- alcanzaron a fronteira.
Na charla, Fermín Ezkieta expoñerá o plan de fuga, as rutas dos escapados, unha biografía dos tres afortunados que alcanzaron a fronteira e de outros como o pontevedrés Amador Rodríguez, último fugado en ser capturado logo de tres meses, Leopoldo Picó, cerebro da fuga e Antonio Valladares, de Silleda, outro dos organizadores; así como do papel protagonista de diversas mulleres, acusadas de complicidade, e que foron encarceradas.
Fermín Ezkieta Yaben é un investigador autor do libro Los fugados del Fuerte de Ezkaba e mantén e actualiza a web :
http://www.losfugadosdeezkaba1938.com/
Contaremos coa presenza de Alejando Breijo, familiar de Antonio Costoyas Ares, de Silleda, un dos que resultaron mortos na fuga, e Elia Valladares, sobriña de Antonio Valladares González, un dos promotores da fuga, que tamén resultou morto, sen que a familia tivese a oportunidade de recuperar o seu cadáver.
Na fuga tamén resultaron mortos outros tres dezaos: Adolfo Blanco Barreira, de Cristimil, José Carballude González, de Donsión e Manuel Cea Asorey, de Sabrexo (Vila de Cruces).
Outros dezaos tamén presos en San Simón que participaron na fuga e foron capturados:
- De Vila de Cruces: Manuel Blanco Fernández, Ramón e Rogelio Cajide Rodríguez (Sabrexo), Manuel Carballal Pena, Jesús Cea Asorey (Sabrexo), Guillermo Pampín Quiñoy, Ramón Ramos Lamas (Fontao), Alberto Villar Blanco e Luis Villar Cimadevila.
- De Lalín: Luís Agra Blanco e José Vázquez Fernández (Bermés).