O certo é que hai obra deste autor dispersa e perdida que cumpriría recuperar, obra que se atopa en almacéns e en mans particulares que se precisaría tentar recuperar e expoñer, obra que estando en lugares públicos ou museos non son o suficientemente promocionados cun programa de visitas axeitado para achegar dita obra ao ensino e ao público en xeral. Por iso este venres, 30 de xaneiro, na sala de exposicións de Abanca da Estrada imos presentar esta ILP na que demandamos unha serie de medidas para paliar esta situación.
A propia recollida de sinaturas para apoiar a ILP vai ir acompañada de actos coma este que achegarán recursos para facilitar o coñecemento da figura e obra de Castelao.
Especialmente na Estrada, que temos un vencello especial con este autor, imos desde Vagalumes a promover diferentes actividades durante este proceso de recabar apoios para a ILP co fin de sensibilizar sobre a necesidade de animar a ler os seus libros e ver a súa obra gráfica. Neste acto en concreto reproduciremos un vídeo sobre o seu pensamento “Estrela na alba” e unha gravación recentemente recuperada do último discurso de Otero Pedrayo con motivo dunha homenaxe a Castelao.
A ILP propón o seguinte:
Artigo 1.
- É obxecto da presente Lei impulsar as actividades a desenvolver pola Xunta de Galiza para difundir e pór en valor a obra e a figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
- A Xunta de Galiza realizará a catalogación de toda a obra, en todo tipo de facetas e xéneros, xa pertenza a fondos públicos ou privados, que teñan como autor a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao procurando os convenios ou acordos de cesión oportunos con todas aquelas entidades, públicas e privadas, que posúen en propriedade obra de Castelao.
- A Xunta de Galiza definirá un espazo museístico, de dimensións apropiadas e con características adecuadas, e realizará as xestións necesarias para expor nel toda a obra plástica de Castelao, de forma que poda ser contemplada na súa globalidade por persoas de Galiza e persoas foráneas, como un dos centros emblemáticos da cultura e da historia de Galiza.
- A Xunta de Galiza, polo seu valor e simbolismo, emprenderá as xestións oportunas para que se adquira ou para que se ceda o cadro “A derradeira lección do mestre” e trasladalo desde Buenos Aires a Galiza para ser exposto, nas debidas condicións, xunto ao conxunto da súa obra, no espazo museístico que se define no artigo anterior.
- A Xunta de Galiza divulgará o coñecemento da multifacética obra de Castelao, por representar unha contribución artística, literaria, ideolóxica e política das máis ilustrativas e clarificadoras sobre Galiza e o seu futuro de cantas se produciron no século XX. Dun xeito singular:
- 1. Impulsará a introdución, a través das disposicións e instrucións pertinentes, no sistema educativo, de forma transversal, da obra de Castelao.
- 2. Asumirá o compromiso de espallala tamén a través dos medios escritos e audiovisuais de titularidade pública ou subvencionados pola Xunta.
- 3. Facilitará o acceso público e aberto a través da rede de internet a toda a súa obra dixitalizada para coñecemento e uso de todo o pobo galego
- A Xunta xestionará a sinalización, accesibilidade e promoción dos espazos relacionados coa vida e obra de Castelao.
- Disposicións finais
- Primeira.-Facúltase ao Consello da Xunta de Galiza para a adopción das disposicións regulamentarias e cantos acordos executivos sexan precisos para o cumprimento efectivo e desenvolvemento desta Lei
- Segunda.-A presente Lei entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galiza.