David Otero
Neste mediodía deste agosto de memoria, na presenza das e dos nosos mártires, na vixencia dun dos seus máis lexítimos referentes, Alexandre Bóveda, queremos, desde a Fundación Alexandre Bóveda. neste acto de firmeza memorial, darvos a nosa benvida e asemade transmitirvos o ben que nos causa tervos de cerca e sentirvos cómplices necesarios das nosas intencións de estudo, expansión e difusión, memoria e historia, de Bóveda patriota, cristián do que o seu verbo estivo sempre preto e acorde co pensamento de Xesús Cristo. Bóveda absolutamente demócrata, nacionalista, referente pois que nos convoca e aglutina.
Dicirvos que na Fundación Bóveda, ímola virando, que estamos ben, e abofé , tamén dicirvos, que sentiríamonos gustosos nun lexítimo orgullo daqueles que nos anunciaron “ imos cumprir” e cumpriron, e cumpren, pero tamén temos quen non, quen non cumpriron e así por eles non podemos sentir orgullo , aínda que si cumprirían noutras intencións. Mesmo poderán dicir “ vencemos”. Pero referidos a nós, militantes en Alexandre Bóveda, nas perspectivas de recuperación da nosa memoria, digan o que digan, salvo fabas moi contadas, nin cumpriron, nin venceron. Nós seguimos nas peaxes das necesidades e das precariedades e polo tanto velaí os nosos necesarios movementos de resistencia ás políticas destrutoras e/ou paralizantes. Políticas que saben que as ignorancias tranquilizan, que as verdades van morrendo nas risiñas dos medos e que estes así conlevan perda de liberdade e se queda algo, mellor promovelo a olvido para que desapareza. Nada de incidir na esperanza, que se pode vivir ben coas mans en alto sen erguelas e cos pantalóns caídos sen necesidade de os baixar.
Canta marabilla sería deixar atrás o imposible e que a nosa realidade memorial fose por prazas, por quinteiros, por camiños e rúas, nas illas e nas arboredas, que camiñase viva e comprensiva , entre a nosa xente, participando no colectivo, no comunal e popular, movido e promovido, animado e mediado, pola acción coherente das nosas institucións e do noso gobernó galego.
Como di Joseba Sarrionandía: ” canta marabilla saber que nos doe o que nos fan, si…pero canta máis marabilla sería saber que facer Nós co que nos fan”.
Pois…
A nosa dolor só foi onte?
E el como vai a nosa paciencia histórica?
Ten caducidade ?
Para que isto se manteña…hai que facer o de sempre?
Precisamos ter toma de terra?
Para poñer as cousas no seu sitio debemos consultar aos herdeiros das e dos vencedores?
Certamente é difícil corrixir o falso que se aprendeu como verdadeiro.
Non iremos fartos da catadura tanto dos desmemoriados, como dos mentirosos?
Arnaldo Otegui dinos;
Reinventémonos se for preciso, cambiemos de botas…non cambiemos de camiño”
E por iso lles reiteramos a vostedes o noso agradecer por estaren neste espazo de memoria, libre de ignorancia,aquí connosco, voluntariamente.
Estamos tamén aquí por sentir e valorar a dinámica vital que nos produce a figura patria de Alexandre Bóveda, que sempre levou con e nel, no seu facer de cada día, a virtude exemplar da defensa da liberdade democrática galega, nunca subiu ao andar dos privilexios, sempre mirou a realidade desde abaixo,á altura dos ollos, partindo dos que sofren, para atoparnos, e tamén aquí estamos nas exemplariedades vitais das e dos nosos mártires neste día tan noso… DÍA AÍNDA POR RECOÑECER E DECLARAR NA OFICIALIDADE DECRETADA… DÍA NACIONAL DE GALIZA MÁRTIR. Pero todas e todos seguen vivos no falar de cada día, en cada corazón militante na xustiza, na memoria, na liberdade.
Sen nunca deixar atrás o posible, nesa responsabilidade ,velaí o noso sentilos e valoralos. Sentir e valorar no que declaramos a humildade do noso orgullo por así facelo. Non vimos para derrotar, nin vencer a ninguén. Tampouco por ir co “ sentidiño” que nos piden e que sabemos que iso lévanos á desesperanza e que abofé xa estamos fartos de enganos adornados de elegantes descaros,
QUEREMOS DESATAR O QUE QUEDOU ATADO E BEN ATADO. Non imos apagar o tema.Non imos acalar a historia. Imos en espacial poñernos á altura, se for posible, das mulleres daqueles tempos,destes tempos,desestructuradas de familia, desconsideradas e desprezadas,maltratadas e violadas, mortas vivas, e así elas sempre firmes na grandeza da dignidade resistindo naqueles escuros tempos de tanta dolor como exemplos de altísima condición e dignidade… no medio daquel golpe de estado, daquela guerra,daquel xenocidio.Solidariedade e memoria para elas.
Recordar tamén que este día non é un día de festa parrandeira. Nin un día de desfile de retóricas brillantes. Como di o historiador Felipe Senén esta data , coma outras máis, non o son datas para endomingar, nin para facelas valor de cambio,
Este é un día memorial. Un día no que a nosa memoria galega,democrática, viva, xunto coa nosa historia, forman un patrimonio fundamental, vivo, rebelde, e tamén…sabémolo…, incómodo.
Hoxe é un día para intuír futuro, mirando atrás,dentro e máis alá da nosa Patria. Día de render homenaxe memorial a todas e a todos quen perderon vida, tamén na propia vida,loitando pola dignidade deste noso Pobo para conquistar a liberdade auténtica.
As e Os nosos mártires, Alexandre Bóveda, seguen vivos no pensamento e na palabra de cada día. Tamén en cada corazón militante na xustiza, na memoria, na liberdade, deste Pobo do Galego.
Coa presenza de todas e todos vós, facedes deste día, un día posuidor dun fundamental contido e dunha fonda significación e así polo tanto , día transcendente para Galiza… hoxe aínda cun algo de Institucións e con moito de Pobo.
E así, permitídeme un breve salientar da relevancia de Alexandre Bóveda.Mártir que non caduca. Que non se olvida. El que intuía e entendía a política como fe e filosofía, pensamento, economía, arte e tradición, cultura e identidade, emocional e pasional, etc., pero tamén fráxil,delicada,vulnerable, e por encima de todo un exercicio de solidariedade. Un enfrontamento de cada día coa realidade.
E por iso e máis …Galiza precisaba unha transformación e tiña que ser urxente, por ser enorme.