María Lado é titulada en Produción Audiovisual, e cursou estudos de Filoloxía Galega. María Lado comezou a escribir no núcleo do Batallón Literario da Costa da Morte, onde publicou os seus primeiros textos en tres libros colectivos: Nós, Mar por medio e Rumbo ás illas. Ten participado en máis volumes colectivos e antoloxías poéticas, e colaborado tamén en prensa co xornal dixital Vieiros, coa revista Dorna e coa revista portuguesa Comentário, entre outras; así coma en diversas publicacións galegas e peninsulares.
Traduciu ó galego varios libros de literatura infantil publicados por Edicións do Cumio, editorial na que traballou durante cinco anos.
Ademais de poeta, María Lado é narradora. Varios dos seus relatos pódense atopar en revistas e colaboracións. Colabora no disco Finais dos 70s, comezos dos 80s, de Fanny + Alexander, recitando o poema Berlín, da súa creación.
Tamén se dedica ao teatro e realiza traballos profesionais como actriz. No 2012 participou na obra Oeste solitario de Martin McDonagh.