Orgullosos de desprezarse ou promover o propio
A exhibición ostentosa que fan os do goberno municipal do desprezo ao propio colgando da fachada do concello unha pancarta en castelán para celebrar o encontro Grandes Viaxeiros na semana das letras galegas seguramente puidera ser unha anécdota se non fose un síntoma da mentalidade diglósica de quen a coloca. Ademais da hipocrisía coa que inauguran a ordenanza de normalización lingüística do concello (BOPPO número 68) usando o espazo máis visíbel e relevante da Casa Consistorial para chulearse do seu incumprimento. Para cando unha pancarta a prol da nosa lingua, a nosa cultura, do noso – en definitiva – na fachada municipal?
Esiximos, pola dignidade da Estrada, que a retiren inmediatamente antes de facer o ridículo diante de quen nos visite. E, sobre todo, por respecto á veciñanza que non sente vergoña de ser quen é. E se eles queren ocultar o noso idioma, que non asuman a responsabilidade de gobernar para a promoción das nosas cousas.
A. C. Vagalumes