Novos proxectos
Durante o acto tamén daremos conta dos proxectos nos que está a traballar agora Vagalumes entre os que subliñamos a reedición da obra “A Estrada” de Pedro Varela do ano 1923 que se atopa esgotada e inaccesíbel. O desenvolvemento dun traballo sobre a toponimia Estradense e a xeorreferenciación de todas as aldeas e bens patrimoniais a través da nosa web de xeito que sexa posíbel cos novos dispositivos electrónicos guiarse para atopalos e coñecer máis sobre a eles. O proxecto Max Carun a través do que poremos ao dispor público o arquivo documental de Marcos Caruncho, o documentalista e fotógrafo da natureza que faleceu recentemente deixándonos a súa mirada amorosa sobre as demais especies coa que compartimos a nosa terra reflectida en centos de miles de fotografías e vídeos. Ou a proxección na Estrada do documental da Televisión Portuguesa sobre as vítimas lusas do franquismo entre as que se atopaba o noso veciño Manuel Graciano Araujo. Estes son algúns dos traballos nos que se atopa implicada a nosa entidade ademais das presentacións de libros e conmemoracións que temos intención de levar a cabo, e que dan conta da nosa actividade.
Camiño...ando
AC VAGALUMES. Luces de noso nas mornuras e nas resistencias das noites do noso chan. E nos días. Ritmos de luces compartidas. Solidarias. Luces para a luz total que vive nos mesmos problemas. Nas solucións e nas propostas. Abrazando as mesmas realizacións. Proxectos con traxectos. Galiza. Luz que nomea. Vagalumes. Na mornura dos de abaixo. Desde abaixo. Por Tabeirós-Terra de Montes. Paso a paso. Na Lingua e na Cultura. Pobo do galego. Abrazando esperanzas construídas. Velaí os alentos de conquistas. As nosas palabras. Os feitos. A obra. Todas e todos á mesa. Na calor do lume comunal. Complicidades. Indo de camiño. Camiño ando (-amos).VAGALUMES.