Nos inicios do pasado século XX tecíanse relacións fecundas entre os máis relevantes valores da Galiza. Relacións que darían lugar a iniciativas de grande e decisiva importancia, caso das Hirmandades dos Amigos da Fala. Unha organización que, desde o seu nacemento na primavera do 1916, reivindicaría a identidade nacional da Galiza, a partir da defensa do idioma propio do noso país nun tempo no que a lingua galega ficaba fóra da legalidade (española) imperante.
Na presente monografía apreséntase unha ampla visión do que foron e representaron as coñecidas, popularmente, como Irmandades da Fala; partindo do contexto no que estas foron creadas e no que agromaron de xeito vizoso. E facémolo como homenaxe ás Irmandades no marco do centenario da creación das mesmas (1916-2016).
No acto prestarase especial atención ao papel relevante da Estrada e de estradenses ilustres no desenvolvemento desta organización fundamental para a historia do noso país.
Diante desta efeméride agardamos contribuír a socializar unha panorámica, o máis ampla posíbel, de como se xestaron e o que significaron para o país as Irmandades da Fala. Socializar, nomeadamente, que programa socio-político e cultural ergueron e defenderon as Irmandades, cal foi o seu modelo