Desde o Colectivo Portalén queremos facer pública a nosa posición de
rexeitamento ante o apoio á permanencia de Ence por parte do goberno municipal de Cerdedo-Cotobade. Deixámosvos o comunicado a seguir:
En contraste, o pasado martes, o goberno que dirixe Cerdedo e Cotobade, teimaba en defender un modelo económico e ambiental caduco e destructivo; o representado por Ence. Nun pleno extraordinario que tiña un único punto a tratar, o Partido Popular, fiel servidor desa empresa (non en van dous destacados militantes dese partido forman parte do consello de administración da pasteira), defendeu a continuidade da celulosa en Lourizán, posta en cuestión por décadas de loita social contra a súa presenza na Ría de Pontevedra e, ultimamente, pola lóxica decisión do goberno español de non defender xudicialmente a prórroga ilegal imposta polo goberno de M. Rajoy e apoiar os argumentos dos recursos presentados contra esa mesma prórroga pola Asociación Pola Defensa da Ría e o concello de Pontevedra, entre outras entidades.
Ese pleno monográfico, ademais de servir, supoñemos, para que os membros do goberno municipal dirixido por Jorge Cubela cobren as correspondentes dietas, puxo de manifesto a filosofía do PP e o seu proxecto para o rural: acabar con el de vez.
Porque defender Ence non só significa defender a degradación da Ría de Pontevedra, tamén significa facer do rural un deserto verde dedicado ás plantacións masivas de especies invasoras e de crecemento rápido; significa a ocupación de terras agrícolas dificultando aínda máis a vida do sector primario e a xestación de alternativas económicas tamén no sector forestal ou na industria do moble; significa dar pulo ao éxodo, ao absentismo e ao desleixo, aumentando o perigo de incendios cada vez máis graves e duros; e significa abandonar á súa sorte o noso enorme patrimonio natural e histórico. Este é o modelo defendido por Cubela e polo PP, un rural morto en beneficio das multinacionais, ocultando esta realidade coa defensa hipócrita dos minguantes "postos de traballo" e con esa suposta riqueza sen fin que a presenza de Ence nos aporta ás que vivimos no rural segundo a propaganda da empresa e dos seus lacaios.
Por todo isto nós si apoiamos o peche de Ence. Sesenta anos xa foron de mais, e outros sesenta serían a nosa morte.