“Vagalumes” xunto con “Verbo Xido” veñen recompilando información sobre esta época silenciada a través da páxina www.tabeirosmontes.com, que coa colaboración doutras asociacións e persoas da bisbarra, permitiu rescatar a historia de moitas das vítimas da terríbel represión que sufrimos durante o franquismo e que mesmo explica a situación na que aínda hoxe vivimos.
Susana co seu libro “seique” achega unha perspectiva novidosa á reconstrución da nosa memoria, un libro valente que desde á súa vocación literaria nos axuda a mergullarnos nas emocións da descuberta do propio pasado familiar e social do que somos produto e o que somos quen de recrear e transformar.
A colaboración económica que achega a autora nestes momentos xa supera os 600 € que permitirá financiar a páxina web, a promoción desta e a organización de actividades relacionadas con esta temática.
Neste sentido xa se teñen empregado os seus fondos no financiamento dun anuncio no facebook para difundir o programa da televisión portuguesa que trataba sobre o veciño Estradense Manuel Graciano Araujo de orixe portuguesa que foi asasinado polo franquismo no 36.