Ponte do Reconco
Se Galicia é o país dos cen mil ríos, tamén será o das cen mil pontes. O Reconco é unha aldea abandonada que pertence á parroquia da Barcia do Seixo (A Lama) e alí atopamos unha antiga pontella para cruzar o río Verdugo. Está formada de grandes lousas de granito que se suxeitan sobre as beiras e sobre catro piares de pedra asentados no medio do río. As pontellas están a medio camiño entre os pasos ou pasais (disposición en liña de grandes pedras dispostas de tal xeito que se pode cruzar saltando dunha noutra) e as pontes propiamente ditas; as pontellas son sempre pontes artesanais construídas polos propios habitantes do lugar con presuposto escaso e materiais limitados co obxecto de cruzar un río nun lugar que non forma parte dunha ruta importante.