O que tamén ficou fondamente iluminado foi o empresario xudeo que asistiu a unha exposición de Luís Seoane a mediados da década dos cincoenta, na sala Bonino de Bos Aires; o empresario fíxolle unha permuta, vintedous óleos a cambio dun chalet en Ranelagh. O artista utilizou a casa para xuntarse os domingos cos seus amigos, Laxeiro, Díaz Pardo, Dieste.
A mesma iluminación, a mesma redescuberta (léase impacto emocional ou rebelación) que tiven (felizmente) ao contemplar as corenta obras que van formar a anovadora exposición, organizada pola Asociación Galega das Artes, Cores con palabras.
Efectivamente a arte está aí, Londres, Bos Aires… Pero tamén está (tamén, re-existe) moito máis preto, ao noso carón, na nosa vila, na nosa aldea. Tan só hai que abrir os ollos da alma.
Recoñezo esta arte na mirada transparente e luminosa de Puri Togariños, que aposta –como diría o meu amigo Pancho Pillado –por “popularizar o elitismo”; é dicir, facer da arte pictórica un auténtico patrimonio da humanidade.
Velaí a profundidade desta exposición. Unha maré artística enchoupada en esperanza, creatividade, humanidade e sinxeleza, tamén. Unha arte que acredita que o tesouro máis precioso que posúe a imaxinación, e tal vez o ser humano, é a liberdade (a capacidade creadora). Velaí, tamén, a profundidade da Vida.
Cores con palabras. Corenta obras de artistas nobeles e consagrados, corenta anacos de vida, corenta lampexos, mesturados libre(mente) que fan que fiquemos fondamente iluminados.