Hoxe fálasenos nas Lecturas do amor matrimonial, do amor ós fillos, ós pequenos, do amor que se rompe e se adultera... Temas moi amplos, difíciles, mais fundamentais.
O amor é unha realidade e unha experiencia complexa, persoal e comunitaria, íntima e social, mais en calquera caso decisiva por moi ameazada que estea sempre polos desencontros persoais e polos conflitos sociais.
Agora ben, se Deus se define a si mesmo como Amor, entón a realidade, que vén del, non pode ser entendida axeitadamente se non se lle dá unha importancia esencial ó amor.
Sen a unión e o amor entre home e muller no podería existir a humanidade. Non existirían fillos, nin sociedade, nin futuro ningún. A historia remataría e a humanidade con ela. Mais Deus quere que o mundo siga, que a humanidade avance cara a unha situación mellor, aínda que pola nosa parte non poidamos saber nin sequera sospeitar que formas adoptará esa futura humanidade. Se, nos poucos anos que os máis maiores levamos vivido, vimos e experimentamos tantas cousas que de pequenos nin sequera poderiamos maxinar, ¡qué non será nos anos e séculos que veñan despois de nós!
O famoso teólogo Karl Rahner, que foi profesor meu durante bastantes anos en Innsbruck e Múnic, definía a Deus como “o futuro absoluto”. Pois ben, se nós fomos feitos, creados, por ese Deus - “futuro absoluto”, entón non pode ser nada estraño que tamén nós levemos dentro de nós a semente do futuro. Por iso se dan en nós unhas fortes pulsións biolóxicas e psicolóxicas para que, como nos di Xesús, “o home deixe seu pai e mais súa nai e se una coa súa muller, converténdose así os dous nunha soa carne”.
Ser unha soa carne vén sendo case o mesmo que ser “unha soa persoa”: ter uns mesmos sentimentos, entenderse e comprenderse ben; en definitiva, amarse. Trátase da fermosa tarefa de, sendo diferentes, amarse mutuamente tanto que non pareza senón que alí non hai máis ca unha soa persoa. É algo semellante ó que ocorre no mesmo Deus. Se Deus é amor, tal como nolo describe o evanxeo de Xoán, amor mutuo e infinito entre Pai, Fillo e Espírito Santo, iso quere dicir que hai tamén en Deus un amor tan grande e fondo que non se pode falar máis que dun só e único Deus. As tres persoas divinas son así tamén, coma quen di, “unha soa carne”.
Xesús considera sagrado e inseparable o amor mutuo que se constitúe no matrimonio. Porque é iso o que responde ós designios de Deus. Un Deus, Pai de Xesús e de todos nós, que quere o noso futuro, o futuro da humanidade. Un futuro, ademais, feliz. Porque ben sabemos que o futuro está aí para darnos posibilidades de plenitude e felicidade.
A felicidade que, amándose mutuamente, atopan home e muller acrecéntase coa felicidade que lles dan os fillos. Porque nos fillos están vendo os pais directamente, en certo modo, o seu propio futuro. O futuro que eles mesmos xeraron e produciron. Sen futuro tampouco se pode vivir. E os fillos están aí para dicirlles ós seus pais que hai futuro, que hai vida, que hai alegría.
Por iso Xesús amaba, quería e apreciaba tanto os pequenos, os rapaces. Eses seres humanos que, igual cás mulleres, eran desgraciadamente pouco estimados e apreciados no tempo de Xesús. Por iso era case normal que tanto elas como eles recibisen reprimendas de parte dos discípulos de Xesús cando elas ou eles querían achegarse a el. Marcos cóntanos que os discípulos lles “rifaban” ás nais e ós nenos por intentaren achegarse a Xesús. Mais Xesús tomou moi a mal esta actitude prohibitiva dos seus discípulos. “Indignouse” cos seus discípulos, dinos ben claramente Marcos, para informarnos seguidamente sobre que Xesús non deixaba de abrazalos, de bendicilos e de impoñerlles as mans sobre a súa cabeciña. Mágoa que non houbese daquela cámaras ou móbiles que nos puidesen inmortalizar estas escenas para que as puidésemos ollar os que viriamos despois!...
Quédannos polo menos documentadas por Marcos as palabras case incribles que Xesús pronunciou daquela e que seguramente deixarían apampados ós seus discípulos. Palabras que en Xesús ían acompañadas polos feitos, pola súa actitude amorosa cos pequenos. Lembrémolas: “Deixade que os nenos se acheguen a min; non llelo impidades, porque deles é o Reino de Deus. Dígovolo de verdade: Quen non reciba como un neno o Reino de Deus, non entrará nel”.
Isto quere dicir que os nenos, os rapaces, deberían ser os nosos mestres. Porque eles son os que nos ensinan a recibirmos coma eles o Reino de Deus. Eles son os que nos aprenden a termos confianza con Deus Pai como eles a teñen con seus pais. Eles son os que nos aprenden a vivirmos a vida con alegría, con liberdade e con entusiasmo, porque saben ou esperan que haxa alí sempre alguén que coide deles e que os ame.
Por iso é tan importante, nas familias, que pais e avós lles proporcionen amor ós seus fillos ou netos. Todo ó revés daquilo que dicía o rigoroso filósofo Kant. Escoitade o que chegou a escribir este tan afamado pensador: "Pódese afirmar con verdade que se educan moito peor os fillos da xente vulgar que os da xente distinguida. Porque a xente vulgar xoga cos nenos, coma os monos. Cántanlles cancións, aloumíñannos, bícannos, bailan con eles. Pensan que lles fan ben ó neno cando, tan pronto como chora, corren cara a el e xogan con el, etc.”.
Calquera psicólogo ou antropólogo de hoxe tería que suspender hoxe a Kant se escribise isto nun exame. En realidade, el era nisto produto dunha época na que os intelectuais sabían aínda moi pouco da importancia do amor, baseando todo polo contrario no “deber”, na obediencia ás ordes e ós mandatos.
En calquera caso, pola nosa parte estamos xa ben informados de que o amor é a clave, a chave, de todo.
* domingo, 4 de outubro 2015