Dalgunha maneira hai un certo parecido entre a muller samaritana do anterior domingo e Nicodemo. A samaritana, en diálogo a soas con Xesús, preguntáballe a el cal era o verdadeiro templo no que había que adorar a Deus Pai. Xesús contestáballe dicindo que agora non fan falla xa “templos”, porque Deus Pai quere só adoradores que o adoren “en espírito e verdade” e que, se se pretende continuar a falar aínda de “templos”, os verdadeiros templos son en realidade Xesús mesmo, no que habita o Pai, e tódolos que cren na súa palabra ou se parecen a el, os pobres, os doentes, etc.
Como vedes, Xesús cambia dende a súa mesma raíz a nosa relación con Deus. Na revelación de Xesús, Deus convértese en Pai, en “papá”. Deus quérenos como verdadeiro pai e vén salvarnos e darnos vida. Non van facer, polo tanto, xa falta nin sacrificios rituais nin suntuosos templos de pedra tallada. A imaxe dun Deus distante, tirano e xuíz imperturbábel, queda superada e desvirtuada coa súa mensaxe, coa súa Boa Nova. Por iso lle comunica Xesús a Nicodemo que ten que “nacer de novo”, para así poder experimentar de verdade o que significa sermos fillos de Deus.
Que fan os pais cos seus fillos? Darlles vida. E se deles dependese, daríanlles unha vida que endexamais deixase de selo. É dicir, unha vida “eterna”. Os pais están aí, non para convertérense en xuíces ou condenadores dos seus fillos, senón para seren garantes do amor e da felicidade á que os fillos aspiran.
Pois ben, esta é a imaxe de Deus Pai que Xesús lle presenta a Nicodemo nese diálogo nocturno con el. Nicodemo era un alto cargo da relixión xudía, pero non podía negar que a persoa e a mensaxe de Xesús o cuestionaban moito. Xesús dille que ten que facer un cambio na visión das cousas, unha transformación na súa vida e tamén no modo de pensar e de vivir a súa propia relixión. Pero tiña medo, por ser el quen era, de presentarse ante Xesús á luz do día. Por iso, coma as bolboretas nocturnas, vén onda Xesús de noite.
Nicodemo, mergullado na escuridade e nas dúbidas que o turban, non ve máis solución ca presentarse directamente e a soas ante Xesús. Se as bolboretas voan cara á luz, soas e de noite, Nicodemo fai o mesmo. Xesús dixera en diversas ocasións que el era “a luz do mundo”. Xoán, o autor do Evanxeo deste domingo, fala noutras ocasións de que Xesús se consideraba a si mesmo como “luz”: “Eu son a luz do mundo. Quen me segue non andará ás escuras, senón que terá a luz da vida” (Xoán 8, 12). Tamén o evanxelista Lucas alude varias veces a Xesús como “luz”. Por exemplo, cando nos anuncia: “Visitaranos o sol que nace do alto, para alumar ós que viven en tebras e na sombra da morte” (Lc 1, 78-79), “luz para alumar ás nacións” (Lc 2, 32), etc.
É moi duro vivir entre dúbidas e escuridades, que provocan golpes e caídas ó non se saber cara a onde se vai. Podemos supoñer que Nicodemo sairía moi reconfortado da súa conversa nocturna. Porque Xesús vai liberalo de medos, de angustias e de dúbidas relixiosas. A mensaxe que lle dirixe a Nicodemo é unha mensaxe de amor e de vida. Xesús comunícalle a el como é Deus, como é ese Deus co que Xesús está en íntima relación filial.
Está claro que esta comunicación nocturna e privada de Xesús ó solitario Nicodemo é tamén unha comunicación a todos e cada un de nós. E esta nova sobre Deus Pai non pode ser máis grandiosa e portadora de felicidade. Velaquí o que nos conta Xoán que Xesús lle comunicou a Nicodemo: “De tal xeito amou Deus ó mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna. Non mandou Deus o Fillo ó mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo”.
Como vedes, Xesús vén comunicarnos que Deus, é dicir, o seu Pai benquerido, é tan bondadoso e misericordioso con nós que non tivo reparo ningún en darnos o seu propio Fillo para que nel, convertido para sempre en irmán noso, teñamos plena garantía de vida e salvación. Que máis podemos querer ou esperar?
Grazas a Xesús, estamos, pois, libres de xuízo e de condena con só crermos nel e comportármonos conforme a esa fe.
Ademais, Nicodemo, como xudeu importante e instruído que era, sabía moi ben cal era o significado da serpente de bronce que no deserto Moisés erguera na punta dun pau para que os que a mirasen recobrasen a saúde. A serpente era un símbolo da saúde e da vida, dado que ó mudar a serpente de cando en vez a pel parecíalles ós nosos antepasados que se conservaba sempre viva. Por iso aínda hoxe a serpente é o símbolo distintivo da botica e da profesión médica, dos que loitan contra a morte. Neste sentido dille Xesús a Nicodemo, facendo referencia á súa próxima crucifixión: "Como Moisés alzou a serpente no deserto, así debe ser alzado o Fillo do Home, para que todo o que cre nel teña vida eterna" (Xoán 3, 14). Cúmprense así desde a cruz as palabras de Xesús, das que dá testemuño tamén Xoán: “Cando me ergan da terra, atraerei a todos cara a min” (Xoán 123, 31). Xesús converterase así en luz no medio das tebras, que atrae cara a el as bolboretas que somos nós.
A mensaxe de Xesús é, pois, unha mensaxe de vida, de “vida eterna”. E a “vida eterna” en Xoán non se refire só, segundo ós expertos bíblicos, á vida de despois de morrermos senón tamén e de maneira importante á vida presente e actual. Os cristiáns deberiamos intentar desterrar das nosas vidas o medo e as angustias relacionadas coa nosa morte vindeira. Pola graza de Deus o noso destino é e será sempre a vida.