Menos mal que aínda hoxe, malia os progresos da técnica, temos a posibilidade de ver e observar cos nosos propios ollos de onde vén o viño que sae a grolos dunha botella, etiquetada ou non, que nos poñen á mesa. Hai todo un proceso, coidadoso e delicado, desde aquel vello e retorcido tronco da vide, que se mantén firme na terra do seu dono, ata que se pode degustar o viño saído dela nun alegre xantar con familiares ou amigos.
O viño ten que ver e tivo que ver sempre coa alegría de bebelo en compaña doutros, creando amizade e compañeirismo, construíndo comunidade e fraternidade.
Non esquezamos que tamén a eucaristía que celebramos cada domingo ten que ver con esa comunidade de vida, de fe e de alegría que queremos ir construíndo pouco a pouco arredor da mesa do corpo e do sangue do Señor. Na comuñón recibímolo a el precisamente en forma de pan e de viño.
De maneira especial nestes domingos de Pascua que estamos a celebrar convídasenos, e concretamente na liturxia do domingo de hoxe, a vivirmos a “santa alegría da Pascua”, da que se nos di ademais que é preparación para a “alegría eterna” que nos espera a todos.
Ben. Para entendermos o que nos refire hoxe Xoán sobre a comparanza do reino de Deus coa vide hai que saber distinguir –e isto é moi doado- entre o labrego dono da viña, a vide mesma plantada xunto con outras máis na súa leira, e as ramas ou bacelos da vide dos que penduran os prezados acios acugulados de bagos ou uvas.
Unha especie de trindade: labrego, vide e bacelos ou ramas da vide. Unha trindade que lle serve a Xesús para falarnos da unión e relación íntima que debemos ter con el e, a través del, co Pai, con Deus Pai.
O labrego tradicional coida, mañá e tarde, da súa viña. Está curtido polo sol, polas chuvias, polos temporais. A súa pel asemella a cortiza do tronco da vide: recia, morena. Podería dicirse que a vide é filla do labrego. Pero sobre todo o labrego ama a súa viña. Coida dela con agarimo de pai. No deixa que follas ou ramallos sobrantes afoguen a teima e a esperanza súa de que a vide poida dar a luz acios fermosos, agradábeis á vista e ó padal. Cando o labrego a poda, non a quere asustar nin lle causar dor. É só para que a vide sexa máis ela mesma e máis parecida ó seu pai, o labrego.
¡Que fermosa é a comparanza que fai Xesús de seu Pai Deus co labrego que coida amorosamente da viña!
Como digo, Xoán quere axudarnos a facernos entender a unión que deberiamos ter nós, os bacelos (as ramas da vide), coa vide mesma, que é Xesús. Pero tamén a unión que ten a vide, Xesús, co labrego que é seu Pai. Sen este labrego-Deus Pai non habería viña nin vides, porque as malas herbas e os xabarís acabarían con ela.
Pero se Xesús, a vide, non podería existir sen o seu pai-Deus, menos aínda poderiamos nós existir se non estivésemos unidos a esta vide que é Xesús. De Xesús é de onde os bacelos ou as ramas da vide, que somos nós, recibimos a seiva divina que nos vai divinizando pouco a pouco. De tal maneira que se nos cortan con coidadiño da vide e nos plantan nun terreo axeitado ata poderemos chegar a converternos en novas vides á semellanza da vide nai ou primeira que é Xesús; pois levamos a seiva de Xesús con nós.
O que non é posíbel e crer que poderemos subsistir por nós mesmos sen relación ningunha coa vide, que é Xesús. En Xesús circula, bule e ferve a seiva divina que vén do Pai-Deus, de quen todo procede. Só del podemos recibir a forza divina que precisamos para vivirmos con alegría, esperanza e amor. “Fóra de min –dísenos no evanxeo de hoxe- non podedes facer nada”.
Pero é que tamén –aínda que disto non se nos fala directamente hoxe- a comparanza da vide ten que ver coa fraternidade que deberiamos practicar entre nós. Nos bacelos, nas ramas da vide, é dicir, no interior de nós mesmos circula unha mesma seiva: a seiva de Deus que se fai presente na vide que é Xesús e que é un don infinito de Deus Pai e do seu Espírito ó mundo. Esta seiva divina, que circula por tódolos bacelos da vide, é a que nos converte a todos en verdadeiros irmáns. Pois participamos dunha mesma vida e dun mesmo agarimo común, o amor que ten Deus Pai ó mundo e que se nos manifestou en Xesús.
Falamos da unión que temos que ter con Xesús e con Deus Pai para podermos producir froitos saborosos de xustiza, de paz e de amor. Pero esta unión non nos uniformiza, como tampouco hai nunha mesma vide un bacelo exactamente igual a outro ou un acio de uvas que sexa totalmente idéntico a outro. Deus que é un, pero tamén diferente en si mesmo (en canto Pai, Fillo ou Espírito), quere construír tamén en nós unidade e diferenza, unión de cada un de nós con el e cos demais, mais mantendo cada un a súa propia identidade, a súa diferenza respecto dos demais.
Construír un mundo así, unido e diferente segundo as diversas culturas e as diversas maneiras de ser, é unha tarefa á que deberiamos dedicarnos sempre con teima, alegría e esperanza. Mais sabendo que só acadaremos realizar esta grande obra se nos mantemos unidos con esa vide, que é Xesús, e por medio de Xesús co labrego traballador e agarimoso por excelencia, que é Deus-Pai.
E, para rematar, como Deus non só é Pai senón tamén Nai, tal como nolo dixo o papa Xoán Paulo I, e neste primeiro domingo de maio se celebra tamén o Día da Nai, lancemos entón un quente biquiño de amor e agradecemento a tódalas nais do mundo, que fixeron e fan presente ós seus fillos o amor do Deus Pai e Nai de todos.
* Domingo, 3 de maio 2015