Mais tamén sabiamos que tras este aparente fracaso da súa vida, deste afundirse o sol no horizonte e na noite, ía acontecer un novo rexurdimento. Un aparecer de Xesús resucitado, que non morrerá xa máis. Converteuse así nun sol radiante, que non volverá ter máis solpores. Xoán cóntanos hoxe no evanxeo que a Magdalena foi ó sepulcro moi cedo, “cando aínda era escuro”. Cousa que podemos entender tamén simbolicamente. A Magdalena, e con ela todos nós, camiñamos ou corremos cara á Luz do Resucitado, porque a escuridade non nos vai. Somos todos como bolboretas inquedas que, sen podérense resistir, voan cara á luz nunha noite escura.
Non hai cousa que máis queiramos cá luz e a vida. E isto querémolo, ademais, para sempre, sen que endexamais rematen. Deus puxo esta querenza no noso corazón e coa resurrección do seu Fillo e irmán noso, esta nosa fonda querenza atopa xustamente o que busca. A luz e a vida aquí e agora e máis alá da morte están así en boas e seguras mans. Porque Xesús resucitou e se converteu en “Señor” de todo.
Este é o significado da Resurrección. Xesús e con el a humanidade toda estamos destinados, máis alá das nosas particulares mortes, a vivirmos para sempre. Morreremos, si, pero para non volvermos experimentar nunca máis angustias mortais. A nosa morte coincidirá co comezo dun novo e definitivo vivir para sempre. De modo que a vida nunca rompe consigo, pois sucederase a si mesma, aínda que dunha forma incomparabelmente máis viva. Por iso, os primeiros cristiáns loaban a Deus, ó celebraren a Resurrección, cantando “aleluia”, como tamén fixemos nós despois da Primeira Lectura. Pois “aleluia” quere dicir xustamente iso: “loado sexa Deus”.
“Loado sexa Deus” pola súa incomparábel grandeza, polos seus grandes plans sobre nós. Deus sempre fai as cousas á súa gran maneira. Porque os pequenos ou grandes padecementos da nosa vida son en definitiva pouca cousa en comparanza co grandioso destino que nos espera.
Por iso debería ser a alegría o sentimento normal e estábel na vivencia da nosa fe. Desta fe, que ten os seus alicerces principais no acontecemento pascual da Resurrección do Señor. O domingo de Resurrección é o modelo do que copian tódolos domingos do ano litúrxico. Pois “domingo” quere dicir, como ben sabemos, o día do “Señor”, é dicir, do que “domina” sobre todo. “Señor” en latín dise “Dominus”. Coa súa resurrección converteuse, polo tanto, Xesús en “Señor” de toda a creación, de todo canto existiu, existe e existirá.
En Xesús, o “Señor”, ten firme alicerce a nosa confianza, pois El é o noso poderoso irmán maior. Desta súa Resurrección provén, pois, a nosa alegría. Como repite a liturxia pascual: “Este é o día que fixo o Señor. Alegrémonos e relouquemos nel”. Da súa resurrección derívase a nosa resurrección. E esta é tamén, en último termo, a razón do dito popular de estar alegre “como unhas pascuas”...
Agora ben, se os discípulos creron porque “viron”, a nosa crenza en Xesús resucitado terá que basearse na nosa “fe”, non na nosa “visión”. Trátase dunha fe que, pola súa parte, está baseada no testemuño dos apóstolos e da igrexa que nace con eles. Pero, pola nosa parte, podemos dicir tamén que, como compensación de non termos nós gozado daquela forte experiencia dos discípulos de Xesús, podemos en cambio sentir a alegría das palabras que dalgunha maneira dirixe el a todos nós: “Benia os que creron sen veren!”.
É importante tamén ter presente que a alegría que sentiron os discípulos pola resurrección de Xesús non era unha alegría intimista ou particular, que cada un deles en certo modo gardaría para si mesmo, para o seu propio consolo individual. Non. Era unha alegría comunitaria, compartida. Da mesma maneira que Xesús non se pechara endexamais en si mesmo, senón que vivira sempre para os demais, facéndonos partícipes incluso da súa resurrección, os seus discípulos non podían proceder doutra forma. En consecuencia, estaban intensamente pendentes dos problemas e das necesidades dos demais. Pois a todos viña dirixida a grandiosa mensaxe de Xesús: a de sermos todos, xunto con el, fillos dun mesmo Pai e destinados, máis alá dos límites da nosa existencia particular, a unha resurrección definitiva.
Agora ben, todo isto ten aplicación non só a nós, os que formalmente nos confesamos cristiáns, senón á humanidade toda, porque en Xesús resucitado quixo e decidiu Deus Pai dar vida para sempre, máis alá da morte, a todos. Os cristiáns estamos así chamados a encher o mundo enteiro da esperanza de vida que nos vén de Xesús.
Isto é o que fixeron cantos tiveron a experiencia inmediata de Xesús resucitado. En primeiro lugar as mulleres, que foron moi cedo a visitar o sepulcro do Señor. Volven axiña para anunciarlles ós apóstolos a resurrección do Señor. O mesmo fan os diversos apóstolos e discípulos comunicándose mutuamente as diversas aparicións ou experiencias que van tendo de Xesús resucitado.
Ó longo dos tempos e dos séculos, fomos nós recibindo tamén, a través do anuncio do evanxeo, esta grande e boa nova da resurrección de Xesús e, consecuentemente, da resurrección que nos espera tamén a todos nós.
Por iso os que recibimos esta grande nova temos que anunciala coa nosa palabra e co noso comportamento a cantos non oíron falar dela ou quizais incluso non son capaces de crer nela por ser precisamente a resurrección algo tan incríbel e marabilloso. Pois a resurrección ten que ser necesariamente algo moi grandioso precisamente por provir directamente do infinito poder e amor de Deus. E Deus é sempre meirande ca canto poidamos imaxinar del.
* Domingo, 5 abril 2015