Disto dános el boa proba cando nos fala hoxe do amor: da súa importancia, da súa centralidade na mensaxe cristiá. Utilizamos tantas veces a palabra amor que ás veces esa expresión pode converterse en moeda gastada. E non debería ser así. Porque a verdade é que sen amor non pode vivir un nin poden vivir os demais. Mais ¿de onde vén para Xoán o amor?
Na súa primeira carta de hoxe, respóndenos Xoán que “o amor vén de Deus”; aínda máis, que “Deus é amor”. Isto tanto para Xoán como para calquera cristián é algo moi claro, porque ben sabemos que a única maneira de saber cómo é Deus é vendo como se comporta o seu fillo unixénito Xesús. Xesús dixera de si mesmo: “Quen me ve a min, ve ó Pai”, é dicir, ve a Deus. Pois ben, a experiencia que van tendo os apóstolos e discípulos de Xesús con el é a de alguén que os estima e os quere de verdade, que os desculpa, que os perdoa, que dá a súa vida por eles e por todos e que resucita para darlles e garantirlles a eles e a todos vida e resurrección.
Os discípulos de Xesús van aprendendo así a ver a Deus como alguén que, sobre todo, ama sen límites. De vez en cando lémbrovos, para que non o deades a esquecemento, que Deus é trindade de persoas que se aman: Deus-Pai, Deus-Fillo e Deus-Espirito. Pero isto non pode converterse en algo abstracto, nunha especie de invento ou entretemento de teólogos que non tivesen nada que facer. Non. A Trindade de Deus é a conclusión á que xa chega a primeira reflexión cristiá, cando os seguidores de Xesús se van dando conta de que el fala de si mesmo como Fillo, como o Fillo único e infinitamente querido de Deus-Pai. Pola súa parte, Xesús enténdese a si mesmo como a imaxe perfecta do Pai, como manifestación divina do mesmo Pai. De modo que en Deus hai polo menos, para dicilo dalgunha maneira, unha dualidade de persoas: o Pai e o Fillo. E esta dualidade converterase en trindade cando Xesús nos fale despois de que el e mailo Pai nos van mandar aínda unha terceira persoa, que nos encherá de consolación e que estará sempre con nós, alegrándonos e amándonos como presenza viva en nós do Pai e do Fillo. É o que chamamos o Espírito Santo.
Deus é, pois, un círculo de amor e nese círculo de amor quere que entremos tamén nós, aínda que Deus se bastaría plenamente a si mesmo sen que nós entrásemos nel. Mais des que Deus decidiu irmandarse coa humanidade toda no seu Fillo Xesús, pertencemos todos a esta atmosfera de amor da Trindade de Deus, que vén sendo algo así como o aire que respiramos. Se nos fallase ese aire non poderiamos seguir vivindo. Por iso cando unha persoa sente que non é querida, que non é amada, deixa case automaticamente de querer seguir vivindo.
Volvendo ó evanxeo de Xoán e tendo en conta que nos discípulos ós que se dirixe Xesús estamos presentes en certo modo todos nós, dinos Xesús: “Como me amou o Pai, así vos amei eu”. O comportamento de Xesús con nós non fai senón prolongar ou repetir o amor que Deus-Pai lle ten a el mesmo. Deste modo, en Xesús e con Xesús somos todos queridos infinitamente por Deus-Pai. Isto é algo que supera a nosa comprensión, porque en principio nos parece imposíbel que Deus nos poida querer tanto.
Velaquí vedes por que ten tanta importancia o de amármonos mutuamente. Ata tal punto que se converte no verdadeiro e único mandamento que de feito nos dá Xesús: “Este é o meu mandamento −dinos el−: que vos amedes uns a outros como eu vos amei”. E repítese aínda o mesmo pouco despois: “Mándovos isto: que vos amedes uns a outros”.
Polo tanto, se queremos ser verdadeiros discípulos de Xesús e “cristiáns” de verdade, non nos vale en modo algún presumir de cousas como estas: eu sonche moi relixioso, moi amante de Deus, rezo moitísimo, eu cumpro con tódalas normas, eu son moi obediente, etc., etc. Todo isto está moi ben, pero mentres non poidamos anotar, sen mentir, no currículo da nosa vida: “eu quero ben a todos, eu amo a todos, eu son amigo de todos”, se non podo dicir isto con verdade, entón nada do anterior nos será de proveito para podermos aprobar o curso, refírome ó curso longo ou curto da nosa vida. Pois xa sabedes ben aquilo que escribía San Xoán da Cruz: “ó atardecer da vida examinarante do amor”. Examinaranme sobre se arredor de min fun creando na vida un círculo de “servos”, aduladores e dependentes, e non en cambio –como debería ser- un círculo de “amigos” de verdade, libres e independentes, tal e como fixo Xesús cos seus apóstolos e discípulos ós que lles dicía: “Xa non vos chamo servos... A vós trateivos de amigos”.
Non se entende moi ben cómo unha cousa que en principio parece tan doada e fermosa se nos fai tan custosa e complicada. Porque quen ama, normalmente recibe tamén amor e séntese polo tanto querido e feliz. Por iso, cando nos fala aquí Xesús deste “mandamento” seu de amármonos uns a outros, engade aínda: “Díxenvos estas cousas para que a miña alegría estea en vós, e a vosa alegría sexa plena”.
Non o dubidemos. Quen ama fai felices ós que ama e é feliz tamén el mesmo. Non fermoso libriño de “Conversas” co P. Seixas preguntáballe o entrevistador por que todos lle querían ben. E el contestaba: “É certo que teño moitos amigos e moita xente marabillosa que demostra terme estima... O ter capacidade de amar ós demais, incluso sensiblemente... repercute nunhas boas relacións... Eu sempre procuro tratar ben a xente, con agarimo e, polo xeral, son ben correspondido. Esta é unha faceta da miña vida da que estou plenamente satisfeito, sempre tiven moitos e moi bos amigos”.
Que bo sería se nós puidésemos dicir algo semellante sobre nós mesmos!
Como vedes, o tempo de Pascua convídanos unha vez máis a vivirmos de verdade a nosa fe cristiá coa alegría que procede da práctica do amor.
* Domingo, 10 de maio 2015