[Publicado no “Faro de Vigo”, xoves, 23 de abril de 2015, p. 57].
No oficio de construírmos e lermos libros pasounos algo semellante ó acontecido coa burbulla do ladrillo. Voaron os cartos ou alguén os meteu sixilosamente no seu peto e todo se escangallou. A editoriais, librerías, autores e lectores todo iso afectounos moito. Hai agora vinte anos que a UNESCO estabeleceu a celebración do Día do Libro. Pois ben, co gallo desta celebración, o día 23 deste mes de abril, vémonos unha vez máis na obriga de lanzar un berro ó aire por se alguén nos quixer escoitar. Pola miña parte, fágoo esta vez en canto autor. Pois o título enteiro desta celebración é “Día do Libro e do Dereito de Autor”. Os autores somos tamén xente. Persoas que normalmente non poden vivir dos seus escritos, mais que traballan no seu oficio e lles queren ofrecer ós demais as súas reflexións, o seu modo de ver e de mellorar o mundo. A toda persoa lle viría moi ben ter ocasión de poder mergullarse na lectura de obras ou escritos que contribuíron ou contribúen dun xeito ou doutro ó desenvolvemento científico ou cultural da humanidade. Os escritores ou autores realizan, pois, un traballo a prol dunha humanidade mellor e por iso teñen tamén, en canto traballadores, os seus “dereitos”. Conservo viva e reconfortante na miña lembranza aquela caricatura de hai xa anos do sabio Mingote que tiven durante moito tempo espetada cun alfinete nun dos andeis entre os meus libros. Ata que a cor de letras e debuxo foi esmorecendo. Viña ser esta. Un escritor amósalle o seu recente libro a unha persoa coa que se atopa e dille: ‘Este libro significa o meu labor dun ano’. Ó que lle responde con atrevida presteza o seu sisudo interlocutor deste xeito: ‘Pero é que estivo vostede un ano enteiro sen traballar?’. Más alá dos pensamentos que suscitan denuncias sociais coma esta, a verdade é que os autores imos tamén de camiño, efectivamente, de pasármonos non só durante un ano senón durante bastantes máis ‘sen traballar’. Como nos imos atrever a dedicar o fuxidío tempo dos nosos días ó traballo de idear, pensar e converter en palabra escrita algo que só con gran dificultade poderá chegar logo a repousar nas mans amigas dun benévolo lector? Pois a prolongada crise abrángueo todo e a ela non lle causa pracer ningún que alguén escape á súa influencia, agás naturalmente aqueles mesmos que provocaron tal crise, é dicir, os que detentan o poder económico e imperan sobre políticos e demais subalternos. Aqueles xustamente que non precisan ler nada, porque para eles os grandes billetes valen máis ca unha infinidade de bos libros.
[Publicado no “Faro de Vigo”, xoves, 23 de abril de 2015, p. 57].
0 Comentários
Deixe uma resposta. |
Publicacións
Outubro 2020
CategoriasOutras referencias
Entrevista en Noticieiro Galego Arquivos
|