Pouco a pouco as xentes galegas fóronse dando conta da vantaxe técnica e humana que tiñan fronte ós afectados pola desgraza. Tornáronse máis poderosos e máis conscientes de ter sido elixidos polos deuses que conceden os seus favores a quen queren e estenderon a súa influencia máis alá do seu propio territorio.
Ascenderon, pois, cara á meseta peninsular e foron así, sen se faceren notar demasiado, asentándose nela.
Como dispuñan dunha boa organización política, militar e educativa foron paseniñamente, algunhas veces polas boas e outras, as máis delas, con sutís ameazas ou sancións, facéndolles ver ós afectados pola desgraza cósmica que lles sería mellor que deixasen de usar a súa lingua empobrecida e adoptasen a máis digna lingua galega. Recibirían deste modo unha formación máis axeitada á realidade e converteríanse en persoas de valía ás que o éxito profesional lles sorriría. Con tal estratexia e outras tamén máis rastreiras os galegos foron progresando na súa teima apropiadora e asoballante. Ata que un día os menosprezados casteláns, dos que incluso se dicía que chegaran a odiarse a si mesmos, empezaron a se informar, a pensar, a tomar conciencia crítica da súa situación, a medrar na súa autoafirmación e na conciencia da súa dignidade.
Entón os galegos, que a pesar de todo seguían a ter aínda a tixola ben apañada polo mango, empezaron a inquietarse e a proclamar a tódolos ventos que os asoballados casteláns intentaban impoñerlles a súa lingua castelá ós galegos e outras imposturas máis... Isto foi o que me contaron, mais endexamais crin eu niso. Ou é que non tiñan os casteláns pleno dereito a se sacudiren dunha lingua, a galega, que non era a súa e que lles viñera de fóra coa clara intención de que se esquecesen da súa propia historia e de si mesmos ? Iso non podía nunca ocorrer! Manuel Cabada Castro. VIGO.
[Publicado no “Faro de Vigo”, luns, 16 de marzo do 2015, p. 65]